A Xunta di que "contén a pandemia" e pide que non se fagan festas universitarias nin xuntanzas de familia

"O virus non entende de coñecidos nin de parentes", asegura o presidente galego que apela á responsabilidade como "única vacina".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/10/2020 | Actualizada ás 15:26

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, chamou a atención sobre a actitude dos mozos respecto das medidas impostas para conter a pandemia que, ao seu xuízo, tamén se incumpren nas reunións familiares e de amigos, de onde saen "boa parte dos focos" pois, segundo o mandatario, "reláxase" o uso da máscara e o mantemento da distancia de seguridade.

Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta celebrado este xoves na sede do Goberno galego no barrio compostelán de San Caetano, mostrou a súa "preocupación" polo "vivido nalgunhas cidades" na última semana co comezo do curso universitario.

Así, lamentou que se producisen "festas en pisos" e que se detectasen bares nos que "non se respectaron" as medidas de seguridade. "Lamentamos estes comportamentos e pedimos que non se repitan", subliñou antes de matizar que se trata de "comportamentos illados" pero que "preocupan", especialmente en "algunhas cidades".

Tamén chamou a atención sobre as reunións familiares e de amigos, orixe, segundo Feijóo, "de boa parte dos brotes" pois se "relaxa" o emprego da máscara e non se respecta a distancia de seguridade.

"O virus non entende de coñecidos nin de parentes", destacou o presidente autonómico, que puxo o acento en que "na actualidade" a única vacina que existe para conter o virus é a "responsabilidade", polo que instou aos galegos a non celebrar festas domésticas nin reunións familiares ou de amigos.

Todo iso despois de repasar as cifras da pandemia en Galicia, que presenta "os mellores datos" de España en incidencia acumulada durante o últimos sete e 14 días, o que o levou a sentenciar que Galicia "está a conter a pandemia". "É moi pronto para saber se esta tendencia que levamos durante meses vai ser estable e real ou se por contra pode cambiar por condutas inapropiadas", engadiu antes de aseverar que "ter os mellores datos de España non debe consolar a ninguén" porque España "é o país cos peores datos de Europa".

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, durante a rolda de prensa do Consello da Xunta celebrado o 1 de outubro de 2020. DAVID CABEZÓN/XUNTA / Europa Press
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, durante a rolda de prensa do Consello da Xunta celebrado o 1 de outubro de 2020. DAVID CABEZÓN/XUNTA / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta