Os novos anuncios de Feijóo: 2.300 profesores máis e 23,5 millóns para mercar máscaras nas aulas

Educación tamén anuncia que dará 3 millóns ás universidades para compensar os gastos nos que estas institucións académicas están a incorrer por mor da adaptación dos seus centros á covid-19

Por Galicia Confidencial | Compostela | 01/10/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Alberto Núñez Feijóo insiste en defender as medidas adoptadas polo seu goberno neste inicio de curso escolar, a pesar da forte polémica e as críticas de docentes, asociacións de anpas e sindicatos. "Fixemos un comité de xente experta, temos un plan de continxencia para clases presenciais e non presenciais e imos contratar 400 novos profesores, que serán 2.300 neste curso", dixo. 

Aula baleira
Aula baleira | Fonte: EP

Un novo anuncio que chega cando os sindicatos poñen en dúbida as contas da Consellería de Educación. A CIG-Ensino vén de denunciar un “déficit” nos orzamentos recibidos pola Xunta para xestionar a contratación de novos docentes de cara ó curso da pandemia. Segundo sinala nun comunicado a formación sindical, os 93 millóns de euros achegados polo Goberno Central “darían para uns 2.325 contratos” fronte ós 1.087 que finalmente foron realizados.

Pero estas críticas semella que non interesan ao Executivo galego que insiste nos seus anuncios. De feito, o propio Feijóo anunciaba este xoves, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, que destinará 23,5 millóns de euros aos centros educativos públicos para adquirir máscaras hixiénicas para o alumnado con menos recursos, equipamento necesario en caso de ter que aplicar medidas de illamento ou mercar hidroxel, entre outros.

RESERVA DE GARANTÍA EDUCATIVA

Deste montante total -que supón un incremento do 42% dos recursos que a Consellería de Educación pon a disposición dos centros- unha parte (16,5 M€) provén da partida ordinaria de gastos de funcionamento para este trimestre. "Agora flexibiliza o seu uso de forma que os centros poidan destinar unha parte a medidas de adaptación ao contexto covid en función das súas necesidades", apuntou o presidente galego.

A maiores a Consellería vén de crear unha Reserva de Garantía Educativa, dotada con 7 millóns de euros para a dotación e adquisición, por parte dos centros educativos, de material vencellado á prevención do risco sanitario. Feijóo dixo que poderán adquirir máscaras hixiénicas certificadas para o alumnado máis vulnerable, tomando como referencia os estándares que se aplican para o sistema de axudas de libros de texto. Tamén poderán adquirir un fondo de máscaras cirúrxicas para eventualidades, que serán repartidas en función do número de alumnado e de unidades que teñan, así como a adquisición de hidroxel para os usos fixados tamén no mencionado Protocolo, guantes, mamparas e produtos desinfectantes.

FONDO ÁS UNIVERSIDADES

Por outra banda, Feijóo suliñou que a Xunta de Galicia transferirá ás universidades galegas 3 millóns de euros de fondos adicionais para compensar os gastos nos que estas institucións académicas están a incorrer por mor da adaptación dos seus centros á covid-19.

Deste xeito, cada unha das tres institucións académicas recibirán unha parte fixa (30% do importe total do acordo) e outra parte variable (o restante importe) que se divide en función do

indicador do coste estándar co que se reparte o fondo estrutural do Plan de Financiamento. Deste xeito, a Universidade de Santiago de Compostela (USC) recibirá 1.150.500, a de Vigo (UVigo) 966.330 e a da Coruña (UDC) 883.170.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta