CESM Galicia secundará a folga contra o "decretazo" do Goberno central por "legalizar o intrusismo"

Di que a mobilidade forzosa dos facultativos repercute "negativamente na seguridade do paciente"

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/10/2020 | Actualizada ás 11:08

Comparte esta noticia

A Delegación da Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) en Galicia secundará a folga convocada polos médicos para a primeira quincena de outubro en todo o territorio español tras o "decretazo" aprobado polo Goberno que, ao seu xuízo, "pisa" os dereitos da profesión sanitaria.

Así o anunciou a través dun comunicado de prensa, despois de que o Goberno aprobase esta semana o Decreto Lei 29/2020 de medidas urxentes en materia de teletraballo e de recursos humanos no Sistema Nacional de Saúde para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola Covid-19.

Este sindicato médico considera que coa nova normativa "está a pisarse a regulación da profesión ao legalizar o intrusismo profesional, ao convalidar títulos extracomunitarios sen unha mínima garantía e ao deslegitimar o sistema de Formación Sanitaria Especializada devaluando o título de Especialista", polo que, engade, "en realidade o que se está facendo é dar a puntilla á calidade do Sistema Nacional de Saúde que finalmente sufrirán os cidadáns".

Neste sentido, apunta que "a mobilidade forzosa dos facultativos, non só física senón tamén entre distintos niveis asistenciais", repercute, segundo subliña, "negativamente na seguridade do paciente, ao abrir a opción de que sexan atendidos por especialistas alleos á área onde fosen destinados e pór a disposición da Administración a todos os profesionais sen excepción".

CESM Galicia reprocha "a terquedade do Ministerio de Sanidade impondo mediante este rango legal a elección de prazas MIR telemática", algo que esta central sindical, lembra, rexeita "con insistencia desde a convocatoria de 2020".

Ademais, este sindicato médico critica, por último, que "se deixe vía libre ás comunidades autónomas para aplicar estas medidas", porque así, conclúe, "a brecha existente entre as condicións laborais dos facultativos de distintos puntos xeográficos non fará máis que ensancharse".

Protestas do MIR. CESM
Protestas do MIR. CESM

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta