Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 02/10/2020 | Actualizada ás 14:06
O propietario do pub Área Crítica, situado na rúa do Orzán, na Coruña, puxo fin este venres á folga de fame que iniciou hai unha semana polo peche do lecer nocturno no marco das medidas sanitarias impostas pola Xunta.
A medida impedíalle abrir o seu establecemento e para denunciar a situación pola que atravesa o sector o propietario deste pub, Lolo Villaverde, iniciou unha folga de fame, á que puxo fin este venres.
Ante o seu local, tivo lugar unha nova concentración convocada por representantes dos hostaleiros coruñeses para esixir unha solución para o sector.
Xabi Barral, un dos representantes do colectivo convocante da protesta, cualificou como "un pequeno paso" o anuncio do Concello herculino de que permitirá temporalmente o cambio de licenza de pubs para que operen como cafetarías ante o actual contexto de pandemia.
No entanto, dixo que continuarán coas mobilizacións. "Estamos pendentes da reunión coa Xunta sobre as axudas e os prazos, queremos saber se están vinculadas a que se poida abrir ou non", sentenciou sobre un encontro que prevé se celebre a principios da próxima semana. Por outra banda, avanzou que están a estudar a posibilidade de convocar unha mobilización a nivel galego.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.