Denuncian sondaxes "ilegais" para a instalación dunha nova megamina que afectaría a Santa Comba e Coristanco

Eurobattery Minerals realiza prospeccións nun área que afectaría a 22 núcleos destes dous concellos.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/10/2020 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Nova denuncia de actividades mineiras ao bordo da legalidade en Galicia. A asociación ambiental Petón do Lobo vén de facer público que a compañía Sueca Eurobattery Minerals estaría a realizar sondaxes "ilegais" na parroquia de Castriz, no municipio coruñés de Santa Comba.

Proxecto Corcel, un novo proxecto dunha mega mina que afectaría a Santa Comba e Coristanco
Proxecto Corcel, un novo proxecto dunha mega mina que afectaría a Santa Comba e Coristanco

Carmen é o nome do dereito mineiro sobre o que Eurobattery Minerals realiza as prospeccións mineiras na parroquia de Castriz para a busca de níquel, cobre o cobalto. Este dereito mineiro solicitado no ano 1942 e inscrito no censo catastral mineiro no ano 1944 como concesión directa de explotación abrangue 2.559.9400 hectáreas nos municipio de Santa Comba e Coristanco, na provincia da Coruña. 

"O flagrante incumprimento da normativa mineira, a opacidade e falla de transparencia institucional ao redor do proxecto 'Corcel', evidencia que a postura da Xunta de Galicia é estar á beira da empresa e favorecela en todo o que poida, ata o punto de non someter a exposición pública nin os proxectos dos permisos de investigación mineira nin os plans de restauración das catas e prospeccións, nunha tramitación espúrea máis propia de Administracións corruptas e neocoloniais do pasado, que de democracias avanzadas do século XXI", denuncia.

 

PARALIZACIÓN

 

Por iso, Petón do Lobo insta ao Concello de Santa Comba e á Xunta de Galicia á paralización inmediata das prospeccións, en tanto que non someta a exposición pública o proxecto dos permisos de investigación mineira e o plan de restauración das catas. 

 

Así, lembra que o dereito mineiro "Carmen" sobre o que traballa a empresa, caducado dende hai anos, e de máis de 2.500 hectáreas de superficie, afecta a núcleso de Santa Comba e Coristanco como os de Castriz, San Salvador, Vilartide, Vilardante de Arriba, Boaña de Abaixo, Boaña de Arriba, Boimente, A Choupana, Escanande, Estévez, Frieiro, O Hospital, A Mostaza, O Outeiro, Padreiro, Traba, Vento, Xallas, O Xesto, Castro, Choupana, ou Codeseira.

 

"De resultar exitosas as prospeccións é probable que a veciñanza destes núcleos non poidan convivir á beira dun proxecto industrial de mina a ceo aberto que empregará explosivos tipo A e que lles obrigaría ao éxodo poboacional", denuncia Petón do Lobo nun comunicado. Por iso, pide á veciñanza "que se organice" e demande información tanto ao concello como á Xefatura territorial de Minas da Coruña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 miñoca

De novo en Varilongo as multinacionais explotadoras dos nosos recursos. Xa ocorriu con Serrano Suñer( o cuñadisimo de Franco) , cun ganster chamado Ildefonso Fierro. Recomendo o libro O wolframio en Varilongo Santa Comba de Xallas (1941-1963) de Carmen Blanco Ramos publicado en Xerais cun prólogo de Xesús Alonso Montero

1 miñoca

Chegan a Varilongo de novo as multinacionais para a explotación dos nosos recursos. Antes foron Serrano Suñer, Ildefonso Fierro e o pai do Marqués de Villaverde.