A campaña da gripe arrinca este luns entre os profesionais sanitarios

Sanidade considera esta campaña de especial relevancia ante a posibilidade de que coincidan covid e gripe común

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/10/2020 | Actualizada ás 19:52

Comparte esta noticia

Este luns 3 de outubro, o persoal sanitario de Galicia inaugura a campaña de vacinación contra a gripe, que chegará á poboación en xeral a partir do día 13. Segundo os datos facilitados pola Consellería de Sanidade, a campaña conta este ano con case un 25 por cento máis de dose que en 2019.

En total, a Comunidade galega dispón de 865.830 dose de vacina (200.830 máis que o pasado ano) para unha campaña que Sanidade considera de especial relevancia ao producirse nun contexto de pandemia.

Deste xeito, a Administración autonómica subliña a importancia de que os grupos de risco acudan a vacinarse ante un escenario no que convivan covid e gripe.

Os primeiros en poder recibir a vacina serán os profesionais sanitarios, para os que se activará o 5 de outubro unha campaña que oferta gratuitamente o tratamento a toda a poboación para a que está indicada: maiores de 60 anos, residentes en institucións pechadas, embarazadas e persoas con factores de risco que os predisponen a padecer complicacións desta doenza.

Entre os obxectivos da campaña figuran, como establece a OMS, alcanzar a cobertura do 75 por cento da poboación maior de 65 anos e dos traballadores sanitarios e o 60 por cento de embarazadas e poboación de risco.

Unha das novidades da campaña 2020 da vacina da gripe está na inclusión na poboación 'diana' como grupo de risco ás mulleres no puerperio (ata seis meses despois do parto) no caso de que non fosen vacinadas durante a xestación.

Vacina
Vacina | Fonte: XUNTA - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta