O colapso da sanidade, estamos diante das portas dun conflito social?

A sanidade pública está vivindo uns momentos difíciles. As medidas adoptadas polas autoridades políticas competentes non dan saída ás problemáticas denunciadas polos profesionais. Así o colapso en atención primaria, a atención telefónica saturada e case imposibilitada para atender demandas simples, son algúns dos trazos que identifican esta xeira da COVID.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 08/10/2020 | Actualizada ás 21:54

Comparte esta noticia

“É inexplicable” di Manuel Martín de SOS Sanidade Pública, cando se refire á incidencia das normas sociais e sanitarias para evitar o esparexemento da COVID. O inexplicable é a creación de filas diante dos centros de saúde mantendo distancias de seguridade e dentro das instalacións, haxa un número limitado de persoas para evitar os contaxios. O rechamante é que algunhas desas persoas cando saen fóra, poden ir a un bar e estar no medio de afluencias máis grandes de persoas. Mais o que ven os e as defensoras da sanidade pública é unha posibilidade moi alta de conflitividade social con raíces no actual sistema de atención médica á poboación, un sistema de atención que emprega a COVID como elemento central dunha política sanitaria que non parece contentar a ninguén.

Centro de Saúde do Casco Vello de Vigo. EUROPA PRESS - Arquivo
Centro de Saúde do Casco Vello de Vigo. EUROPA PRESS - Arquivo


ATENCIÓN TELEFÓNICA, PARA TODO?

“A atención telefónica si serve para a creación de baixas médicas, sobre todo pensando nestes momentos de alto contaxio por COVID” di Manuel Martín. Da mesma maneira, a utilidade da atención telefónica reside en renovación de receitas, resolución de dúbidas por parte de doentes e outro tipo de trámites que si se poden resolver por teléfono. “O problema vén cando a administración usa a atención telefónica para substituir a consulta persoal”.

“A consulta persoal é necesaria porque dá información básica ao médico para poder atender a doenza” sinala Martín. Por tanto é inconcebible unha atención onde non haxa contacto médico-paciente dentro do que é a Atención Primaria.

Durante os últimos meses colectivos médicos e sociais, así como algúns concellos avisan de que en moitos lugares non se pode levar adiante atención presencial. O motivo é a falta de profesionais en diferentes áreas, incluída a primaria. “Hai demoras de quince ou vinte días para chamar a unha persoa que asista a unha consulta” e a resposta que se pode dar a isto é que “as centrais de chamadas están colapsadas”. Por outra parte, tampouco parece que se teña en conta ao conxunto de persoas con dificultade para comunicarse de maneira verbal.

DESPRESTIXIO PARA A ATENCIÓN PRIMARIA

Algúns profesionais consultados ven que a maioría da poboación se sente abandonada. “Isto é consecuencia duns recortes que levaron á falta de persoal e recursos en atención primaria” di Martín. Este sentimento de abandono, produto dos recortes, fai que a poboación asista con temor á propagación da COVID, e isto pode traducirse en transtornos depresivos ou de ansiedade ante a falta de inmediatez na atención sanitaria.

Esta situación fai que pouco a pouco a atención primaria perda prestixio diante da poboación e así bota a culpa “de maneira inxustificada” aos traballadores da sanidade, cando “é a Administración quen aplicou as medidas actuais e quen ten que resolver a situación creada nestes momentos”. De aí a contradición que se presentaba ao comezo, que habendo uns límites moi estrictos sobre asistencia aos centros de saúde, as persoas que saen dos centros acaben en lugares onde deberan imperar as mesmas medidas sanitarias, mais ocorre o contrario, non se seguen os límites.


CULPABILIZACIÓN E CRISE SOCIAL

A carencia de profesionais en centros de saúde fai que a sociedade civil xunto con profesionais e mesmo organismos públicos como concellos, se mobilicen en demanda da cobertura necesaria para os postos baleiros. “Agora mesmo a presión sobre os profesionais sanitarios é moi grande, esta situación debe cambiar inmediatamente” di Martín. Ditos cambios pasarían por un aumento do 25% en investimentos para Atención Primaria e isto tamén implica a creación de infraestruturas.

A ampliación de prazas e infraestruturas acabaría por diluír a presión social sobre os e as sanitarias. Esa presión déixase sentir cando a tensión entre sanitarios e público vai escalando ata que chegue un punto onde as interaccións médico-paciente sexan cando menos, tensas. É a partir de aquí cando a conclusión de grupos profesionais sanitarios, grupos sociais e políticos é que a Administración, neste caso a Xunta, parece moverse só cando hai tensión.

Busca realmente a Xunta unha confrontación entre sanitarios e pacientes? “É que semella que a actitude vai por aí, porque non hai incremento de persoal, por exemplo”. Os profesionais senten que a Administración galega, competente en sanidade, se sente cómoda dentro do contexto actual porque se está culpabilizando aos e ás traballadoras, mentres que Consellería de Sanidade e Xunta non se dan por aludidas.

A consecuencia é que o acceso doado, universal e gratuíto á sanidade pública está tendo moitas dificultades a día de hoxe. “Co tempo van aumentar os casos graves de doenzas que non foron tratadas no seu momento” di Martín. Isto fai mención ás listas de espera en hospitais que “están sen publicar”. A situación “é dramática e pode acabar nunha crise social moi grave con enfrontamentos”.

Algunhas probas foron mobilizacións en Cangas, Moaña e outros lugares onde a poboación, profesionais e autoridades pedían a intervención da administración para recuperar servizos sanitarios. Mentres, os colectivos médicos xa pediron unha reunión co conselleiro Julio García Comesaña para exporlle a situación e unha serie de medidas que se poderían adoptar. De momento a data da reunión está  por concretar.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

2 Fan de Gamela

Tes toda a razón, Gamela, unha sociedade seria iría dos centros de saúde ós xulgados, e se os médicos fosen a metade de serios do que os presentan, eles mesmos estarían manifestándose contra esta estafa.

1 Gamela

Aquí os teléfonos dos Xulgados de Garda en Galicia http://www.poderjudicial.es/cgpj/gl... Existe ademáis un calendario para coñecer qué xulgado (e titular) está de garda cada semana (por se alguén coñece ao xuiz que lle dará trámite á denuncia e que xuiz lle dará carpetazo!) Adiante Galegos Pola Sanidade Pública !!!

1 Gamela

Esto só ten un camiño, solicitar cita telefónica e logo acodir ao xulgado de garda e poñer denuncia por Denegación de Servizo contra o SERGAS ! Están dando citas para consulta telefónica para 15 días ! As urxencias colapsan porque a xente acode a elas para resolver o que non pode resolver en Atención Primaria ! Pero non todo é Sergas, existe unha tropa de médicos e médicas COLABORACIONISTAS que semellan estar encantadas coa nova política sanitaria que os converte en DEUSES ! Dende a demisión dos 21 xefes de servizo da área de Vigo pasaron dous anos e polo que se vé os que sustituiron aos anteriores deben estar encandos coa Tele Mediciña que están asumindo con demasiada naturalidade (?) Dignidade Atención Primaria https://youtu.be/e85k0DfROJk