A familia da moza de Rois que se suicidou tras sufrir acoso escolar pide "intimidade" e levará o caso á Xustiza

O xulgado decidiu arquivar o caso por "falta de indicios de criminalidade".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 06/10/2020 | Actualizada ás 18:58

Comparte esta noticia

A familia da moza de 17 anos de Rois (A Coruña) que fora vítima de acoso escolar e en redes sociais e que se quitou a vida o pasado fin de semana pediu "intimidade" nestes duros momentos e avanzou que, cando "teñan forzas" porán o caso en mans da xustiza para aclarar se existe algunha responsabilidade nos feitos.

Xulgados.
Xulgados.

Nun comunicado, a familia da menor pide que se lles deixe "pasar a dor do ocorrido na máis estrita intimidade familiar", aínda que agradecen o apoio recibido.

Así mesmo, aseguran ser conscientes do "abuso ao que estivo sometida" a moza tanto no colexio ao que asistía como en redes sociais, algo polo que estaba "a ser tratada" e que, avanzan, porán "en mans da Xustiza".

Consultadas sobre este caso, fontes da Xunta trasladaron as súas condolencias á familia da nova e puxéronse á disposición da familia para "todo o que poidan necesitar". No entanto, explicaron que non hai constancia da apertura de ningún protocolo por acoso escolar en relación á menor nos centros nos que estivo escolarizada.

En canto ao ámbito da investigación do sucedido, o xulgado decidiu arquivar o caso por "falta de indicios de criminalidade" en relación á morte da moza e fontes xudiciais apuntan a que, polo momento, non se recibiu denuncia por parte da familia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta