Por E.P. | Santiago de Compostela | 06/10/2020 | Actualizada ás 20:05
Os grupos da oposición, BNG e PSdeG, criticaron este martes no pleno do Parlamento o plan lanzado pola Xunta a finais de abril para reactivar o turismo por velo "insuficiente" e pediron un "grande acordo" polo sector en Galicia. Así o defenderon durante unha sesión na que a socialista Leticia Gallego presentou unha proposición non de lei (PNL) --será votada este mércores-- para que o Goberno galego lance un "plan de choque" con axudas directas.
Con todo, o PP, como grupo maioritario, defendeu a folla de ruta xa presentada e presentou unha emenda para que o Executivo autonómico elabore un plan director de adaptación á COVID-19 e se dirixa ao Goberno estatal para que implemente "canto antes" o fondo de recuperación posto en marcha pola Unión Europea.
Para defender a súa iniciativa, Leticia Gallego (PSdeG) denunciou que o plan proposto a finais de abril pola Xunta "está superado, é insuficiente e non está á altura dos novos retos", porque "o que quere o sector son axudas directas" que cubran "o esencial para poder sobrevivir e recuperar a súa forza".
Por iso, o Grupo Socialista propuxo un "plan de choque" que pivote sobre un "grande acordo" polo turismo do que formen parte Xunta, concellos, sindicatos e asociacións empresariais, co obxectivo de que sexa "un sector estratéxico e prioritario" para a Administración galega.
Nesta mesma liña pronunciouse o deputado do BNG Daniel Pérez, quen anunciou o seu apoio á PNL do PSdeG en vista de que o plan do Goberno galego pola recuperación "parece insuficiente" e afástase do seu "obxectivo inicial: ter un efecto sanador ou paliar os efectos" da crise sanitaria.
O parlamentario nacionalista insistiu na necesidade de dar "axudas directas" aos autónomos para cubrir "canto menos os gastos estruturais" dos seus negocios que "se seguiron devengando a pesar das perdas de ingreso".
Non en balde, e aínda que o Bloque "entende a importancia" do próximo Xacobeo 2021, Pérez aseverou que "a fortaleza de Galicia en turismo vai moito máis alá". Por isto mesmo, instou á Xunta a "redefinir o modelo e a estratexia" do turismo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.