A Semana do Libro de Compostela "adaptada" á covid contará con 16 expositores

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/10/2020 | Actualizada ás 13:06

Comparte esta noticia

A cuarta edición da Semana do Libro de Compostela, entre este sábado 10 e o domingo 18 de outubro, terá un formato "adaptado" á situación xerada pola pandemia da covid-19, de modo que contará con 16 expositores repartidos entre a sede de Afundación na Rúa do Vilar e o colexio de Fonseca.

A concelleira de acción cultural, Mercedes Rosón, presentou a cita este mércores en rolda de prensa xunto ao técnico de cultura Xesús Amado, a libreira Lola Puertas e o editor Quique Alvarellos.

Entre outras actividades, o IV Selic programa presentacións de libros e coleccións, firmas de autores, rutas temáticas, actuacións, coloquios e mesas redondas, exposicións e distintas actividades infantís.

Estarán presentes unha ducia de editores e o lugar utilizado ata este ano, a Praza da Quintana, cámbiase pola sede de Afundación na Rúa do Vilar e o colexio de Fonseca, ao que se accede a través do xardín.

Rosón destacou que disporá de "moitísimo contido" para encher a cidade con "moitísima literatura con maiúsculas", a pesar de que os condicionantes obrigan a reducir o número de expositores e actividades para poder aplicar os protocolos sanitarios que esixen distancias.

Pola súa banda, a libreira Lola Puertas animou a participar nesta semana do libro, como "lugar de ánimo" nos actuais tempos de pandemia. Quique Alvarellos tamén convidou aos cidadáns a achegarse e comprar un libro "case" como "un acto revolucionario", tamén na "reconquista de espazos" para a lectura e o libro. "Non é unha Selic pequena, é unha Selic adaptada aos momentos difíciles que nos tocaron", subliñou.

Cartel da Selic en 2020. SELIC
Cartel da Selic en 2020. SELIC | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta