O conselleiro de Cultura defende que Galicia foi "case un oasis" en actividade cultural

Para xustificar as súas palabras, Román Rodríguez, citou os 22 festivais de audiovisual, os 12 de música e as 23 funcións escénicas, entre outras actividades que completan as 4.500.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/10/2020 | Actualizada ás 16:15

Comparte esta noticia

O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, defendeu que o plan de reactivación do sector cultural que o Goberno galego activou por mor da crise sanitaria serviu para financiar 4.500 accións e mobilizou 20 millóns de euros.

En resposta á deputada socialista Noa Díaz, o conselleiro de Cultura sinalou que a pandemia colleu "por sorpresa" ás administracións, pero defendeu que a Xunta buscou "minimizar os efectos prexudiciais". De feito, posteriormente fixo unha comparación co Goberno central e dixo que, mentres que a Xunta investiu 9,6 euros por habitante cun plan de 26,4 millóns, o Goberno central gastou 1,2 euros.

Román Rodríguez defendeu que o plan cultural da Xunta tivo como obxectivo "salvar o emprego", que alcanza as 30.000 persoas en Galicia, con propostas para "incentivar e apoiar actividades das empresas". Para iso, explicou, tamén foi necesario "innovar" con formatos e apoiar o mantemento de estruturas empresariais.

Rodríguez lembrou que o plan se elevou ao Consello da Xunta o 30 de abril, foi debatido o 13 de maio no Parlamento --nunha comparecencia que el protagonizou-- e foi "ampliado" con máis fondos no mes de xuño. O conselleiro tamén reivindicou que levaron a cabo 65 reunións con 230 axentes e recibíronse 170 propostas, das cales o 71 por cento foron incorporadas.

Dicir que "non houbo diálogo, é simplemente unha mentira", apuntou na súa intervención, na que indicou que o 30 por cento das medidas "están executadas ou en execución", mobilizáronse 20 millóns e desenvolvéronse 4.500 accións "concretas que son financiadas ao amparo deste plan".

"CASE UN OASIS"

"Fomos case un oasis", asegurou Román Rodríguez en referencia á actividade cultural deste verán e ao apoio á cultura. Así, citou os 22 festivais de audiovisual, os 12 de música e as 23 funcións escénicas, entre outras actividades que completan as 4.500.

Román Rodríguez esgrimiu a actuación da Xunta, como un "apoio moi forte". "Claro que nos gustaría estar acompañados por deputacións, concellos e Goberno do Estado", dixo, a continuación, antes de asegurar que "o fácil" era paralizar ou prohibir de forma radical as actividades, pero a Xunta optou, dixo, por apoiar a súa celebración: "temos que estar orgullosos de que se poida consumir cultura de forma segura".

Noa Díaz considerou que "realmente é moi mellorable" o plan presentado pola Xunta e pediu unha "profunda reflexión" sobre o modelo cultural de Galicia do "futuro", unha reflexión, dixo, da que adoece o plan do Goberno autonómico. "Lecer e cultura", advertiu, son elementos diferentes, e baixo esa premisa pediu actuar.

A parlamentaria socialista sinalou, así mesmo, que as políticas culturais "transversais deberían ser as novas prioridades da axenda de Galicia". "A nosa identidade como pobo pasa por elaborar un plan máis especializado", salientou, para volver pedir unha "reflexión profunda" e un "diálogo con todo o sector cultural".

Román Rodríguez contestou que "acepta toda as críticas", pero sinalou que "non pode estar de acordo en todas". "Non conseguimos chegar a todas partes, tamén o traballo da oposición pódese mellorar", replicou o conselleiro de Cultura, quen engadiu que "sendo vostede (por Noa Díaz) do Partido Socialista, cun ministro de Cultura socialista, ten moita coraxe e ousadía de vir criticar un plan de reactivación". E esgrimiu o cociente de gasto por habitante para apoiar as súas afirmacións.

RECOÑECEMENTO Á PELÍCULA 'O QUE ARDE'

As primeiras palabras da deputada Noa Díaz foron para facer un recoñecemento á película 'O que arde', de Oliver Laxe, preseleccionada para ser candidata aos galardóns Óscar. Así, expresou as súas felicitacións porque é unha película "galega, feita por un equipo galego (en case a súa totalidade), rodada en Galicia e rodada na nosa lingua".

O feito de estar preseleccionada para os galardóns cinematográficos, subliñou Noa Díaz, é motivo de orgullo de todos os galegos e "pon á nosa lingua no lugar que merece".

"Sumámonos ao recoñecemento e esperamos que teña un percorrido moi positivo", secundou o conselleiro Román Rodríguez, que interveu despois da deputada para darlle resposta á súa interpelación. O titular de Cultura, que lembrou que esta cinta contou con financiamento da Xunta, subliñou que "fala do mellor que temos en Galicia, sen ningunha dúbida".

O consellerio de Cultura, Román Rodríguez, en sede parlamentaria. XUNTA
O consellerio de Cultura, Román Rodríguez, en sede parlamentaria. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta