Comisión Europea estudará a radioactividade nas augas galegas durante o primeiro semestre de 2021

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, lembrou que na foxa atlántica están depositadas 140.000 toneladas de residuos nucleares, que foron depositados neste emprazamento entre 1949 e 1982 nun total de 220.000 bidóns.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/10/2020 | Actualizada ás 16:56

Comparte esta noticia

A Comisión Europea desenvolverá a verificación do seguimento da radioactividade do medio mariño en augas galegas no primeiro semestre de 2021, segundo informou o BNG en virtude dunha resposta enviada á formación nacionalista a preguntas de Ana Miranda a través da coalición 'Agora Repúblicas'.

"Desta maneira, temos resposta a unha longa demanda das asociacións ecoloxistas galegas, un de cuxos emblemas é o barco 'Xurelo'", remarcou Miranda.

Inicialmente, a misión de verificación estaba prevista para 2020, pero a actual situación de pandemia provocou que a Comisión Europea aprazase este labor de verificación ata o primeiro semestre de 2021. Un atraso, este en concreto, que o BNG considera "totalmente comprensible".

Con todo, a portavoz do Bloque en Europa considerou que o problema "non é que debido á situación causada polo coronavirus a misión pase de 2020 a 2021, senón que pasasen máis de 40 anos sen verificar en que estado están os residuos".

Neste sentido, lembrou que na foxa atlántica están depositadas 140.000 toneladas de residuos nucleares, que foron depositados neste emprazamento entre 1949 e 1982 nun total de 220.000 bidóns.

"A pesar de que segundo recoñeceu a Comisión, son os estados membro os responsables de controlar a radioactividade das súas augas, o Estado español non abordou especificamente ningún plan de control da radioactividade nesta zona, aducindo que eses depósitos están fóra das súas augas", denunciou Ana Miranda.

"CONTRADICIÓNS"

Ana Miranda tamén se mostra "moi crítica" coa propia Comisión, xa que na súa resposta sinala que as verificacións levan a cabo periodicamente en virtude do artigo 35 do Tratado de Roma, segundo un programa continuado que os servizos da Comisión actualizan periodicamente.

"Resulta inaudito que a Comisión diga que desenvolve un programa continuado cando admitiu que non dispón de información actualizada do estado dos bidóns e que os últimos informes cos que conta, referidos a as augas do atlántico norte, datan de 1990 e 2003", censura.

Miranda lembra que cando a Comisión organice a misión de verificación dos bidóns con residuos nucleares, cumpriranse 40 anos das protestas protagonizadas polo barco 'Xurelo', que se "enfrontou en dúas ocasións aos cargueiros que depositaban os bidóns a 650 quilómetros da costa galega.

A portavoz nacionalista en Europa tamén lembra que, en maio de 2019, o porto da Coruña acolleu unha protesta que contou coa participación do escritor Manuel Rivas, así como diferentes persoas que estiveron no barco en 1981 para protestar polo impacto destes residuos no medio ambiente e os ecosistemas mariños, como foron Manuel Méndez e Gonzalo Vázquez Pozo.

Protesta BNG en contra dos 'cemiterios' de residuos nucleares. BNG - Arquivo
Protesta BNG en contra dos 'cemiterios' de residuos nucleares. BNG - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta