O Ministerio de Sanidad e CCAA acordan comezar a avaliación independente da pandemia en novembro

O grupo de traballo ten un prazo máximo dun mes para elevar as súas conclusións ao pleno do Consello Interterritorial para a súa toma en consideración.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/10/2020 | Actualizada ás 19:29

Comparte esta noticia

O Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde (CISNS), presidido polo ministro de Sanidad, Salvador Illa, e no que participan os conselleiros do ramo de todas as comunidades autónomas, acordaron comezar en novembro a avaliación independente da xestión da pandemia.

En concreto, o ministro e os conselleiros aprobaron a creación dun grupo de traballo que definirá o marco para realizar unha avaliación independente da xestión da pandemia de Covid-19, e que estará formado pola secretaria de Estado de Sanidade, Silvia Calzón, que o presidirá, e por un representante de cada unha das comunidades e cidades autónomas, que o designarán os propios conselleiros.

Nas súas reunións, estes poderán ser asesorados e estar acompañados por técnicos e expertos das súas respectivas administracións. O obxectivo deste grupo de traballo será elaborar unha proposta de marco avaliador do Sistema Nacional de Saúde (SNS), e definirá as liñas de avaliación, o alcance, os obxectivos, os parámetros e todos aqueles elementos necesarios para levar a cabo unha avaliación independente o máis completa posible do conxunto do sistema.

O grupo de traballo ten un prazo máximo dun mes para elevar as súas conclusións ao pleno do Consello Interterritorial para a súa toma en consideración. A avaliación das actuacións realizadas por parte das distintas autoridades sanitarias durante a pandemia, así como das fortalezas e debilidades do Sistema Nacional de Saúde (SNS) ao comezo desta, permitirán adoptar as decisións conxuntas que correspondan para reforzar a vixilancia epidemiolóxica, os servizos de saúde pública e o conxunto do sistema asistencial.

O obxectivo, tal e como informaron desde o Ministerio de Sanidade, é transitar cara a un SNS "máis robusto, flexible e resiliente" que permita afrontar coas máximas garantías os futuros desafíos e crises sanitarias.

O ministro de Sanidade, Salvador Illa.
O ministro de Sanidade, Salvador Illa.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta