A Xunta critica que o BNG relacione os contaxios no CEIP As Mercedes cos problemas no comedor

O conselleiro de Educación tamén respondeu unha pregunta sobre as obras no Colexio de Educación Infantil e Primaria Frei Luís de Granada, en Sarria, onde o alumnado foi repartido de forma temporal ata que se finalice a rehabilitación do edificio.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/10/2020 | Actualizada ás 19:46

Comparte esta noticia

O conselleiro de Educación, Cultura e Universidade, Román Rodríguez, afeou ao BNG que relacionase os contagios detectados no CEIP As Mercedes de Ourense, o centro con maior incidencia da covid en Galicia, cos problemas derivados co servizo de comedor, que tivo que adaptarse aos espazos da biblioteca e de varias aulas ante a non renovación do convenio que, ata agora, permitía prestalo nas instalacións da residencia Florentino López Cuevillas.

Nunha pregunta formulada pola deputada do BNG Noa Presas, o conselleiro cualificou de "bastante alegre" a afirmación efectuada pola parlamentaria, que anteriormente chamara a atención sobre a incidencia da covid neste colexio, o único do centro ourensán e que conta con "moitas limitacións de espazo", polo que o servizo de comedor prestábase no edificio da citada residencia, xestionada pola Consellería de Política Social, coa que Educación asinaba un convenio que este ano non foi renovado por culpa da pandemia.

"É bastante alegre pola súa banda relacionar iso e a incidencia de contagios", sinalou Rodríguez na súa resposta, na que defendeu que o servizo se presta "con certa normalidade" adaptada aos novos espazos, que recibiron as críticas da deputada do BNG, que considera "unha temeridade" que os alumnos coman nuns espazos que, ao seu xuízo, non están habilitados para iso.

CENTRO LUÍS DE GRANADA

Por outra banda,o conselleiro de Educación tamén respondeu unha pregunta do Bloque sobre as obras no Colexio de Educación Infantil e Primaria Frei Luís de Granada, da localidade luguesa de Sarria, onde o alumnado foi repartido de forma temporal ata que se finalice a rehabilitación do edificio en dous centros, un deles a escola fogar que forma parte do complexo educativo sarrián.

Con todo, a parlamentaria nacionalista María del Carmen Aira asegurou que este inmoble "non reúne as mínimas condicións de seguridade, confort e equipamento", á vez que censurou que "todas" as alternativas ofrecidas aos pais e nais do colexio "son parches".

Na súa quenda, Román Rodríguez puxo en cuestión esta versión que, di, contrasta con "o que di o alcalde ou a comunidade educativa". "A quen lle facemos caso, ao Bloque ou á comunidade educativa?", preguntouse o conselleiro, que defendeu que o curso arrincou "con gran normalidade" co alumnado repartido entre estes centros.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, no pleno. XUNTA
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, no pleno. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta