Rodean o edificio da Xunta para reclamar a reapertura do lecer nocturno

O sector pide que se retire o decreto do 15 de agosto que obriga ao peche a estes establecementos, que están sometidos a unha "inviabilidade económica" debido a este paro "indiscriminado".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/10/2020 | Actualizada ás 14:25

Comparte esta noticia

O sector do lecer nocturno compostelán saíu á rúa este xoves para reclamar ao Goberno galego que de marcha atrás no peche decretado pola COVID-19 e que permita a súa reapertura inmediata. Para iso, impulsaron unha caravana de vehículos ao redor das instalacións da Xunta e unha sonora pitada, en denuncia pola criminalización destes locais.

Preto de medio centenar de vehículos saíu de San Lázaro esta mañá e rodeou en varias ocasións os edificios da Administración en San Caetano, todos eles portando bandeiras ou lazos negros e carteis coa lema 'Basta xa', co que advirten da crise que viven tanto as empresas como os traballadores do sector.

En declaracións aos medios, Sergio Fernández, da Asociación Hostalaría de Compostela e da Asociación de Bares, Pubs e Discotecas, instou o Goberno galego a retirar o decreto do 15 de agosto que obriga ao peche a estes establecementos, que están sometidos a unha "inviabilidade económica" debido a este paro "indiscriminado".

En caso contrario, solicitan que se impulse unha liña de axudas directas cunha folla de ruta clara e concisa, e que permita compensar os gastos fixos, como o aluguer, luz, auga e sobre todo o mantenimeinto do emprego.

O sector fai un chamamento "a toda a hostalaría" a saír á rúa "a protestar e reivindicar" o seu dereito ao traballo para instar a dar marcha atrás a un "peche indiscriminado, sen motivo nin razón", posto que o virus "non sae a certas horas, máis de noite que de día" e estes establecementos respectaron "todas as pautas hixiénico sanitarias de forma estupenda"

DIÁLOGO E ESFORZO

En todo caso, o que queren é que se lles permita exercer "o seu traballo" e "esforzo", posto que son un sector "en reconversión permanente" e que sabe adaptarse aos tempos, pero non que se lles manteña "pechados 'sine die', sen futuro e esperando mellores tempos sen saber cando chegarán".

Ante todo piden "diálogo" á Administración galega, para poder acordar unha reapertura ou unha liña de apoio concreta e advertiu que as licenzas provisionais "poden mitigar algunha parte" do problema, "pero non deixan de ser un parche".

Caravana de vehículos durante a protesta do sector do lecer nocturno en Compostela
Caravana de vehículos durante a protesta do sector do lecer nocturno en Compostela | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta