Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/10/2020 | Actualizada ás 15:16
Todos os grupos políticos con representación no Parlamento galego apoiaron este xoves unha iniciativa para pedir á Xunta que esixa ao Estado que asuma o 50% do financiamento da Lei de Dependencia, e que o faga, ademais, de forma retroactiva, unha cuestión engadida a través dunha emenda do BNG, que advertiu de que "non é unha esmola", se non "unha débeda histórica".
A iniciativa, presentada polo PPdeG na Comisión de Sanidade, incorporou tamén, a emenda do BNG, a reclamación de que a Xunta "adopte todas as medidas que sexan necesarias" para reducir o tempo de espera e de tramitación destes expedientes. Os tres grupos votaron a favor. O deputado popular Alberto Pazos Couñago foi o encargado de defender a proposición, unha intervención na que eloxiou a implicación do Goberno de Núñez Feijóo con esta lei, e afeou o papel do Goberno central, que "non foi capaz de cumprir os seus compromisos" na materia.
Segundo dixo Pazos Couñago, desde a chegada de Alberto Núñez Feijóo á Xunta cuadriplicouse o número de persoas atendidas dentro da Lei e Dependencia, pasando de 15.000 en 2009 aos preto de 62.000 actuais. Ademais, puxo en valor, alcanzouse a metade da pasada lexislatura a cifra de 60.000 atendidos exposta como meta de todo o período. "E todo iso nun contexto orzamentario con menos marxe. Con menos diñeiro, fíxose máis", dixo o deputado popular.
GALICIA "ESTIVO MOI SOA"
Con todo, Alberto Pazos asegurou que "Galicia estivo moi soa neste proceso", por parte "de todos os Gobernos" que houbo a nivel nacional. "O gran defecto da Lei de Dependencia foi a falta de compromiso do Goberno do Estado para achegar o 50% do financiamento", dixo o deputado popular, unha cuestión incluída na norma.
Para os populares, coa conformación desta lei "creouse unha gran expectativa e non se dotou de recursos suficientes" para levar a cabo un sistema que "mentres non alcance o nivel de financiamento previsto", non "pode despregar todos os seus efectos". Actualmente, dixo Pazos Couñago, a Xunta inviste "o triplo que o Estado" en atención á dependencia, isto é, unha 76% fronte ao 24% de financiamento do Goberno central, algo que "impide incorporar o 100% de persoas con dependencia e aumentar a contía das prestacións".
CON EFECTO RETROACTIVO
Na súa quenda de intervención, o BNG, que se mostrou de acordo coas esixencias incluídas na iniciativa, defendeu unha emenda para reclamar, ademais, que se transfiran a Galicia os "atrasos" dese financiamento compartido a medias de forma retroactiva. Isto suporía, en palabras da deputada Olalla Rodil, uns "200 millóns de euros anuais" que constitúen unha "débeda histórica" coa comunidade. "Non é unha esmola, non é un acto de vontade, é un dereito", dixo.
Aínda que a situación con respecto á lei mellorou, indicou Rodil, en Galicia "aínda hai 6.400 persoas esperando a que se lles recoñeza ese dereito e a poder percibir esas axudas". Do mesmo xeito, e aínda que "non hai tanto tempo de espera", esta aínda "é elevada", con 341 días de media de tramitación fronte aos 180 que esixe a norma.
Por iso, o BNG tamén reclamou que a Xunta "adopte todas as medidas que sexan necesarias para reducir esa lista de espera e ese tempo de tramitación", para que todos os beneficiarios poidan recibir a súa axuda "en tempo e forma".
MELLORAR EN DEPENDENCIA
Finalmente, a deputada socialista Mariña Ortega aproveitou a súa intervención para reivindicar que foi un "goberno socialista" o que creou a Lei de Dependencia e para afear os "recortes" que sufriu nos últimos anos, dos que culpou ao Goberno de Núñez Feijóo. "O PP leva 12 anos no Goberno --de Galicia-- e iso resentiu notablemente a Lei de Dependencia", dixo.
Os socialistas, que votaron a favor da iniciativa, recoñeceron que "todo o que se poida mellorar en dependencia" é "bo para Galicia", aínda que chamaron a atención sobre a responsabilidade da Xunta. "Non é que teñamos menos lista de espera, é que a xente xa non a pide porque sabe que non funciona", dixo Mariña Ortega, que reclamou un "cambio de modelo" e un incremento do investimento en equipos de valoración para axilizar os expedientes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.