Por Europa Press / Redacción | Oleiros | 08/10/2020 | Actualizada ás 19:48
Profesorado do CEIP Plurilingüe da Rabadeira, de Oleiros protagonizará este venres, ás 14,00 horas, unha mobilización no marco das protestas que, segundo informan, están a levar a cabo para esixir medios materiais e humanos. Á mesma hora, celebrarase tamén unha concentración ante o CEIP Luís Seoane deste mesmo concello, con cuxa exdirectora o profesorado do CEIP Rabadeira mostra a súa solidariedade.
Entre outras cuestións, desde este centro denuncian que, debido ás esixencias sanitarias impostas pola Covid-19, "nas circunstancias actuais o alumnado de comedor non asiste á última hora lectiva".
"Para poder hixienizar as mans con auga e xabón antes de comer, contamos cos mesmos espazos que nos cursos anteriores o que, unido á limitación da capacidade dos baños e a necesidade de manter os grupos burbulla separados, provoca que perdamos boa parte da cuarta hora lectiva".
PERDA DE HORAS LECTIVAS
"O alumnado está a perder cinco horas lectivas semanais, o equivalente a un día de clase", sinala nun comunicado no que incide na "necesidade das clases presenciais a estas idades" para afianzar "aprendizaxes".
"Non cuestionamos a enorme importancia social do servizo de comedor, máxime nestes difíciles momentos", sinalan nun comunicado no que trasladan, no entanto, a súa preocupación "polas consecuencias que esta situación, debido á falta de medios e previsión, poida ocasionar na calidade da educación que merecen recibir os alumnos e alumnas".
Por outra banda, mostran a súa solidariedade coa ex directora do CEIP Luís Seoane, cuxa dimisión "forzada", segundo denunciou ela mesma e a comunidade educativa, "resulta un bo exemplo das actuacións ás que nos ten habituada a Consellería de Educación, onde priman todo tipo de factores, excepto a preocupación pola educación dos nosos nenos e nenas", engaden.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.