Así avanza a pandemia de Covid-19 en Galicia

Aumentan a 225 os pacientes con Covid-19 hospitalizados en Galicia, 38 deles en UCI. 4.039 persoas permanecen en seguimento no seu domicilio. As residencias suman 417 usuarios e 123 traballadores positivos. Os casos activos en centros de educación galegos ascenden ata os 403 e as aulas pechadas soben en 8, ata 21.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 09/10/2020 | Actualizada ás 16:08

Comparte esta noticia

Os pacientes con Covid-19 hospitalizados en Galicia aumentaron a 225, o que implica tres máis que este xoves, dos que 38 están ingresados en Unidade de Coidados Intensivos (UCI) --tres máis--, mentres 4.039 permanecen en seguimento no seu domicilio.

Hospital de Lugo
Hospital de Lugo | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

Segundo os datos actualizados este venres polas áreas sanitarias galegas, na da Coruña e Cee soben a 52 os pacientes con Covid hospitalizados, deles 43 en planta e seis en UCI do Chuac; e un en planta no Hospital de Cee e dous no Modelo.

Nesta área sanitaria 705 pacientes están en seguimento no seu domicilio e ata a data rexistráronse 6.043 altas, tras engadirse outras 60. Ademais, contabilízanse outras 1.086 PCR realizadas.

Na área de Ourense, a que na actualidade rexistra máis casos activos, os pacientes ingresados con Covid baixan a 67, nove deles en UCI, mentres que 1.284 están en seguimento en domicilio. As persoas curadas ascenden a 2.952 e as PCR realizadas a 68.965 --1.292 máis--.

Pola súa banda, a área de Vigo os pacientes con Covid-19 hospitalizados baixan a 22 --dous en Fátima, catro en Povisa e 16 no Hospital Álvaro Cunqueiro--, deles cinco en UCI --catro no HAC e un en Fátima--, mentres 411 están en seguimento domiciliario. Ata o momento curáronse 3.158 persoas.

Na área de Santiago e Barbanza os pacientes con Covid-19 ingresados aumentan a 31 --todos eles no Hospital Clínico--, deles seis en unidade de críticos. Ata a data curáronse 3.465 persoas e realizáronse 83.520 PCR.

Mentres, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés ten 18 pacientes ingresados con Covid, deles 11 en planta e sete en UCI, mentres outros 555 evolucionan no seu domicilio. Ata a data curáronse 1.747 desde o inicio do plan de continxencia da Covid-19 e realizáronse 49.203 PCR.

Na área de Lugo, A Mariña e Monforte increméntanse a 31 os pacientes con Covid ingresados, deles cinco atópanse en UCI --todos no HULA-- e 26 noutras unidades de hospitalización. Mentres 463 están en seguimento no seu domicilio e 2.735 curáronse ata o momento.

E na área de Ferrol aumenta a catro a cifra de pacientes con Covid-19 hospitalizados, ningún en UCI, e 100 permanecen en seguimento no seu domicilio. Ata a data, os casos non activos ou curados elévanse a 1.005 e as PCR realizadas a 36.722.

RESIDENCIAS

As residencias de maiores de Galicia rexistran 417 usuarios e 123 traballadores contaxiados de Covid-19, tras sumar 23 empregados e tres maiores o gromo dos Gozos en Pereiro de Aguiar (Ourense). En concreto, segundo os datos actualizados este venres pola Consellería de Política Social, deron positio tres usuarios desta residencia, que suma 112 maiores contaxiados; e outro da residencia de maiores Val de Monterrei, que rexistra 47.

Deste xeito, ademais destas dúas residencias con gromos na provincia de Ourense, a Residencia DomusVi Lugo de Outeiro de Rei conta con 130 usuarios contaxiados; a Nosa Señora do Viso de Lobeira ten 46; a do Incio, 42; Santa Marta de Vigo, 13; As Salinas de Ourense, 11; Residencia Ballesol de Oleiros, 6; Torrente Ballester da Coruña, cinco; DomusVi Coruña de Oleiros, dous; e contan cun a Residencia Arteixo, a Nosa Señora dos Milagres de Barbadás e Virxe Branca de Ourense.

En canto ao persoal, recibiron o alta un traballador da residencia de maiores Adcor da Coruña. Mentres, deron positivo un empregado da residencia de maiores Nosa Señora do Socorro de Arnoia, outro na residencia de maiores DomusVi de Ribadumia e 23 dos Gozos.

Deste xeito, os traballadores contaxiados ascenden a 123, fronte aos 99 detectados ata o xoves.

CENTROS DE DISCAPACIDADE

En canto aos centros de atención a persoas con discapacidade, continúa unicamente un usuario con Covid-19 e 10 traballadores con positivo, cinco menos que este xoves.

Deste xeito, o único usuario contaxiado corresponde á Residencia Ricardo Baró de Aspronaga, en Oleiros, onde tamén hai catro traballadores infectados, tras recibir o alta cinco.

A residencia de adultos Pai Menni de Betanzos mantén tres traballadores contaxiados e tamén hai un no CAPD A Coruña, na residencia Juan Vidán Torres de Santiago e no San Vicente Paúl de Lugo.

CENTROS EDUCATIVOS

A incidencia da pandemia do coronavirus nos centros educativos galegos volveu a empeorar. E é que, aínda que o mércores rexistrábase a primeira xornada de baixada no número de casos positivos, nas últimas 24 horas subiron en 24, ata situarse no total de 403.

En canto ás aulas pechadas en colexios e escolas infantís de toda Galicia, a cifra total subiu en 8, ata situarse no total de 21, segundo os datos diarios achegados polas consellerías de Educación e Política Social, actualizados ao xoves.

A área con máis casos en centros escolares é a de Ourense, principal foco de incidencia da COVID-19 en Galicia con 143 positivos activos (tres máis que o xoves) e seis aulas pechadas (tres máis).

No parte deste venres, a Xunta informa de 18 novos centros que rexistran un total de 19 casos de coronavirus, que obrigaron a pechar oito aulas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta