Sanidade cre que o aumento de casos no Carballiño se debe "sobre todo" a reunións en bares

A partir da medianoite entre este venres e o sábado quedará prohibido o consumo no interior dos establecementos de hostalaría.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 09/10/2020 | Actualizada ás 20:32

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade identifica que o aumento de casos de coronavirus no municipio ourensán do Carballiño débese "sobre todo" ás reunións en bares. Así figura na orde publicada este venres no Diario Oficial de Galicia (DOG), coa que se aumentan as restricións do Carballiño, de forma que a partir da medianoite entre o venres e o sábado quedará prohibido o consumo no interior dos establecementos de hostalaría, nos que só poderá servirse en terrazas no exterior a grupos dun máximo de cinco persoas.

Proba PCR
Proba PCR | Fonte: Ricardo Rubio - Europa Press.

Con todo, a orde recolle que no caso de que as celebracións e eventos en establecementos de restauración no Concello do Caralliño entre os días 10 e 12 de outubro estivesen previstos con carácter previo ao 9 de outubro non serán aplicables estas restricións, aínda que deberán comunicarse á Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade.

Segundo os datos que expón Sanidade, as taxas acumuladas de incidencia do virus no Carballiño son 8,8 veces máis que os valores medios en Galicia na última semana e 6,8 veces máis nos últimos tres días.

Noutra orde publicada polo DOG mantéñense as limitacións existentes no Concello de Ortigueira. Sanidade explica que aínda que hai unha "tendencia descendente" de casos no últimos día, a incidencia segue por encima da media galega.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta