A Valedora do Pobo pide ao Defensor del Pueblo que interceda para investigar a morte de Diego Bello en Filipinas

Os seus familiares din sentirse desamparados polo Goberno español.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 10/10/2020 | Actualizada ás 11:27

Comparte esta noticia

A Valedora do Pobo, María Dores Fernández Galiño, iniciou un procedemento para solicitar ao Defensor del Pueblo que interceda para investigar a morte do coruñés Diego Bello a mans da policía filipina en xaneiro deste ano.

Familiares e achegados de Diego Bello ás portas do Valedor do Pobo antes de reunirse coa titular da institución, María Dores Fernández Galiño
Familiares e achegados de Diego Bello ás portas do Valedor do Pobo antes de reunirse coa titular da institución, María Dores Fernández Galiño | Fonte: Europa Press

O pasado xoves, familiares e achegados de Bello mantiveron un encontro coa valedora para pedir o apoio da institución, xa que se senten desamparados polo Goberno español, ao que afean que se limite a instalos a presentar unha denuncia na xustiza de Filipinas.

Dous días despois, o Alto Comisionado do Parlamento de Galicia informa que a valedora comprometeuse a colaborar "en todas as accións resultantes das súas funcións" para esclarecer a morte do coruñés de 32 anos, que foi acusado as autoridades filipinas de ser un narcotraficante.

A valedora destaca o informe elaborado pola Comisión de Dereitos Humanos de Filipinas que considera o falecemento de Diego Bello como unha violación dos dereitos humanos co resultado da morte dunha persoa.

"A morte de Diego non está sancionada por ningunha lei e podería considerarse unha execución sumaria", sinala o informe da comisión de DDHH, que tamén incide en que corresponde á policía filipina demostrar que "efectivamente se tratou de lexítima defensa", algo que "debe probarse nun procedemento independente".

Por iso, a institución iniciou un proceso polo que solicita ao Defensor del Pueblo que aplique a protección dos cidadáns residentes no exterior que prevé a lexislación española.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta