A enésima promesa sen data sobre a chegada do AVE a Galicia: Sánchez asegura que estará "moi pronto"

Asegura que hai unha folla de ruta sobre infraestruturas con Portugal, como o corredor do Mediterráneo ou o eixo Atlántico.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 10/10/2020 | Actualizada ás 18:28

Comparte esta noticia

A enésima promesa sobre a chegada do AVE a Galicia chega, como sempre, con moitas boas palabras pero sen data fixa nin concrecións. O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, asegurou que a chegada do AVE a Galicia, que acabará "moi pronto", beneficiará tamén a Portugal.

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e o primeiro ministro de Portugal, Antonio Costa
O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e o primeiro ministro de Portugal, Antonio Costa | Fonte: Moncloa.

Sobre os acordos nesta cuestión co país luso, Sánchez destacou que hai unha folla de ruta "bastante clara" sobre a cooperación en materia de infraestruturas. Ademais, sinalou que hai algúns eixos de futuro que terán que pensar e deseñar, como o corredor do Mediterráneo ou o eixo Atlántico.

En concreto, ambos os dous países manifestaron a súa vontade de avanzar na mellora da conexión ferroviaria O Porto-Vigo, e congratuláronse pola finalización das obras de electrificación ao lado galego.

Tamén destacaron os avances que se produciron na conexión Aveiro-Salamanca, así como o grao de avance das obras entre Plasencia e Badaxoz, comprometéndose a continuar cos traballos para impulsar a conexión ferroviaria Lisboa-Madrid.

"Estou seguro de que un día Portugal non estará apartado da península ibérica de alta velocidade", remarcou o primeiro ministro de Portugal, Antonio Costa, na rolda de prensa conxunta.

Neste sentido, o ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luís Ábalos, asegurou a través da súa conta de Twitter que ambos os dous países seguen traballando para que o Corredor Atlántico, o AVE Madrid-Lisboa e o eixo Vigo-O Porto "sexan unha realidade".

"Sobre as infraestruturas viarias, seguiremos impulsando melloras ata facer imperceptible a fronteira España-Portugal", sinalou o ministro, que tamén asistiu este sábado ao XXXI Cume Luso-Español na localidade portuguesa de Garda.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta