Estirpe de podente no tempo

Xosé Lois García pescuda no seu último poemario, Tedempo, nas orixes familiares para compoñer poemas a diferentes antepasados da saga familiar. Destacan do libro os expresivos e coloridos deseños de Héitor Picallo. Artigo de X.M. Eyré.

Por Xosé M. Eyré | Vigo | 30/04/2013 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

Título: Tedempo

Roi Xordo. Ilustración de Héitor Picallo
Roi Xordo. Ilustración de Héitor Picallo

Editorial: Xermolos

Son varios os aspectos a salientar neste novo título poérico de Xosé Lois García. Directamente derivados do texto e polo tanto de naturaza literaria, e tamén desoutros que sen seren mensaxe escrita son imprescidíbeis para que esta se manifeste. Comezaremos, pois, polos segundos para despois centrarnos estritamente no literario, procurando ou soñando que estas palabras poidan constituír sequera mínima xustiza poética ou recoñecemento público do labor (calado, convencido, constante) que as asociacións culturais levan adiante, homenaxe que neste caso queremos personificar en Xermolos. Hoxe é este inopinado Tedempo, mais foron outros moitos noutros tempos e ocasións até dicir, sen ningún medo ao esaxero, que cultura e literatura galegas serían outras ben distintas de non contaren co seu apoio, ánimo e dinamismo. Hai que dicilo porque sempre hai que dicir aquilo que é xusto e xustamente revindicativo: é máis valioso o traballo dunha asociación cultural que toda a parafernalia da Cidade da Cultura.

En segundo lugar cómpre mencionar os simbólicos, expresivos e coloridos deseños de Héitor Picallo a acuarela que acompañan os versos de Xosé Lois. Pero tamén as teas de tapizar que utiliza para os vestidos das donas ou a cortiza de sobreira que leva a portada de fondo. Destaca, tamén o sentido e atento prólogo de Alfonso Campos. Pois velaí dúas peivilwxiadas lecturas que nos acompañan folla tras folla.

Logo de Kalendas é moi difícil sentirse sorprendido por calquera novo proxecto poético de Xosé Lois García, se cadra é precisamente por iso que volve sorprender. Se xa aceptar a disciplina de escribir un poema por día tiña o seu aquel, a publicación de Tedempo supón poñer cimo a un proxecto tan difícil como ambicioso (difícil e  ambicioso entendidos de xeito estritamente literario) e que non é outro que o de pescudar nas orixes familiares para despois, a través do tempo, ir compoñendo poemas a diferentes antepasados da saga familiar. De primeiras puidera parecer que o interese de tal poemario non ultrapasa as estremas do puramente íntimo e familiar, porén é moito máis ca iso, supón enfrontar o xénero, enfrontar a poesía contra a súa propia esencia, pois o natural na poesía é contar sentimentos ou reflexións que como tales non entran dentro da esfera do ficticio. Mais a escaseza de datos sobre moitos dos ancestros familiares é tal que o pode que non quede moita máis saída. Pode porque, para alguén cos coñecimentos históricos de Xosé Lois García, isto redúcese a unha dificultade que actúa non como freo senón como estímulo.

Neno Labrego, ilustración de Héitor Picallo
Neno Labrego, ilustración de Héitor Picallo

É así como xorde o verso delongado e solemne, pausado e reflevivo, tan intensamente lírico como narrativo de recendos épicos, libre e humilde, descritivo e interpretativo, o verso nunca manso pois o que ten de indagación na estirpe de Podente teno tamén de constatación da secular loita dun pobo, dunha terra, que quere ser dona e protagonista do seu destino, dunha terra e dunha xente que arelan e necesitan relacións de igualdade e xustiza. Un verso elástico e contracto, que se estira e  abrangue desde o inicios con Domingos Pedro de Podente a Xoana de Paderne ou o auxilio do doutor Vega Barrera, o auxilio inúti pois non evita a morte do seu pai. Historia de cómo Tedempo devén en Podente, ou ao revés, por iso elástico e por iso contracto, ou como a longa, no tempo e no verso, exposición da historia, materializada nos termos antes expostos, devén en integrador colofón final onde  a memoria xa non depende da letra senón que a letra depende da vida enmentada.

Eis, pois, en definitiva, neste Tedempo un verso  de simbioses, de análises  e de sínteses, cavilado e sentido. Eis, pois, en defintiva, un poemario que é moito máis que íntima historia familiar, desde o punto de vista poético, neste tempo onde a épica parece restrinxida a crónicas deportivas e onde a xustiza e compromiso sociais son continuamente pisados pola bota militar do consumismo capitalista que só agradece a inconsciencia festiva e descomprometida. Moito máis. Mais sobre todo, é poemario que só un poeta destemido e audaz pode afrontar, cando ademais certa ser un bon coñecedor da Historia, cando ademais certa nun espírito insubornábel.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta