A Xunta deseñará un orzamentos para 2021 centrados na reactivación económica e o emprego

O Goberno galego inicia a súa elaboración.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 11/10/2020 | Actualizada ás 16:18

Comparte esta noticia

A Xunta de Galicia iniciou a elaboración dos orzamentos para 2021, que terán como liñas prioritarias a reactivación da actividade económica e o emprego a través dun "crecemento sustentable" e que aposte pola "cohesión social e territorial".

Diso informou a Consellería de Facenda e Administración Pública, que avanza que nos próximos días publicarase a orde pola que se ditan as instrucións para a elaboración das contas para o próximo ano.

O anuncio da Xunta prodúcese despois da reunión o pasado luns do pleno do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF), que marcou as "principais magnitudes" para a redacción dos orzamentos, que, segundo avanzou hai dez días o propio presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, non estarán en vigor para o inicio do ano.

A Administración galega resalta que as contas de 2021 "reforzarán" os servizos públicos e porán o foco na atención sociosanitaria e paliar os efectos da pandemia, todo iso para "volver aos niveis de emprego e actividade" previos á crise da covid-19 "canto antes a través de reformar estruturais para formar un tecido económico máis moderno, produtivo e sustentable".

Unha das novidades destes orzamentos será a inclusión dun informe con dotación económica en clave de aplicación da denominada 'Axenda 2030' para avanzar no desenvolvemento sustentable, sinala Facenda, que estruturará a elaboración das contas en catro comisións, como viña realizando nos últimos anos.

Deste xeito, haberá unha comisión de análise e avaliación dos obxectivos dos programas de gastos, outra de ingresos propios e finalistas, outra de estudo dos fondos europeos e o Fondo de Compensación Interterritorial (FCI) e unha Comisión funcional do gasto, encargada de determinar a distribución do orzamento por programas, capítulos e proxectos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta