O vicepresidente Rueda non contempla unha posible marcha de Feijóo a Madrid e cre que completará a lexislatura

Asegura que a Xunta fará "todo o posible" para "convencer" á Igrexa dunha prórroga do Ano Santo: "Hai causas máis que xustificadas".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/10/2020 | Actualizada ás 18:57

Comparte esta noticia

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, asegurou este luns que Alberto Núñez Feijóo "sempre cumpre os seus compromisos" con Galicia, polo que, ante un eventual salto do presidente galego á política estatal, lembrou que acaba de gañar as súas cuartas eleccións e que aínda quedan "catro anos por diante" de lexislatura. Así o manifestou o número dous do Executivo galego nunha entrevista á Cadena Ser na que confesou o seu "orgullo" por compartir Goberno con Feijóo, ao que sempre sitúan nas quinielas para presidir o PP estatal.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, nunha entrevista na Cadena Ser
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, nunha entrevista na Cadena Ser | Fonte: Europa Press

"Hai moitas conversas interesadas sobre ese tema", dixo Rueda, para seguidamente explicar que se esa é "a opinión xeneralizada" é porque "o está facendo ben e é bo gobernante".

Nesta conxuntura, o tamén líder do PP da provincia de Pontevedra lembrou que agora a formación ten a Pablo Casado como presidente estatal e que Feijóo "hai dous anos e medio tivo a oportunidade de optar á Presidencia e dixo que se quería quedar en Galicia".

"Quédannos catro anos por diante e, polo que vin eu ata agora, sempre cumpriu os seus compromisos. E o seu compromiso é traballar nun momento tan difícil como presidente da Xunta", remachou, sen desvelar se o salto a Madrid está na mente de Feijóo.

GALICIA COMO "DESTINO SEGURO"

Con respecto ao turismo, unha área que agora depende do seu departamento, remarcou que tamén "sofre menos" en Galicia que noutras áreas de España, o cal "se debe a moitas cousas". Entre elas, que Galicia "se empeza a percibir como un destino máis seguro, apetecible e amable".

Co Xacobeo 2021 a piques de comezar, Rueda recoñece que o coronavirus obrigará a reformulalo como un Ano Santo que a Xunta avoga por que sexa "máis doméstico" e "con máis actos, máis pequenos e repartidos por todo o territorio".

Iso si, o vicepresidente reiterou a vontade da Administración galega por prorrogar cara a 2022 o Xacobeo, para o que espera contar co visto e prace da Igrexa: "Imos facer todo o posible para convencerlles de que hai causas máis que xustificadas para esa prórroga".

O obxectivo sería "non renunciar a que o Xacobeo sexa un gran Xacobeo" e que os actos "máis potentes" se fixen "un pouco máis tarde" no caso de que se produza esa prórroga. "Pero se a Igrexa non acompaña, non hai moito que facer", recoñeceu.

ALCOA SAN CIBRAO

Sobre o futuro da planta de aluminio en San Cibrao, en Cervo (Lugo), despois de que Alcoa anunciase o venres o despedimento colectivo de máis de 500 traballadores --que o comité impugnará ante a xustiza--, Rueda afirmou que a Xunta tentará "ata o último momento" que a multinacional "acabe entrando en razón".

Nas súas palabras, a compañía "está a ter un comportamento absolutamente irresponsable e desleal" e o Goberno galego estará "enfronte".

Ante unha posible intervención pública da factoría, o vicepresidente primeiro da Xunta dixo confiar en que se poida lograr unha solución antes, "mentres haxa unha esperanza de que Alcoa non obrigue a esas medidas tan drásticas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Sentidiño

Por desgraza para nós, e aínda máis para as españolas, o novo cisne branco da caverna é Isabel Ayuso. Así que Frijolito lle quedan un par de lexislaturas para volver presentarse coma merlo branco. Branco si será, polaa canas...