Familias do IES Antonio Fraguas de Santiago denuncian a docencia semipresencial para 1º de Bacharelato

A Plataforma de Organizacións de Infancia galega impulsa o proxecto #Coleseguro en Galicia, que aspira a "garantir o dereito á educación".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 13/10/2020 | Actualizada ás 19:19

Comparte esta noticia

As familias do alumnado de 1º de Bacharelato do IES Antonio Fraguas de Santiago de Compostela solicitaron máis profesorado para evitar "a dura semipresencialidade" que soportan, xa que acoden só dous días ou tres cada semana, e advertiron de que non descartan mobilizacións na rúa se non se reverte a situación.

IES Antonio Fraguas de Santiago
IES Antonio Fraguas de Santiago | Fonte: Google Maps.

A Anpa e as familias afectadas remitíronlle unha carta ao conselleiro de Educación, Román Rodríguez, na que expresan a súa "fonda preocupación" pola implantación da semipresencialidade. Este centro organizou os espazos conforme ás esixencias impostas pola covid-19, o que obrigou a facer desdobres e o cadro docente "quedou escaso".

Segundo informaron, o instituto solicitou 16 novos profesores, dos que foron concedidos dez. Con eses seis docentes adicionais, todos os cursos poderían ter clases presenciais, aseguran as familias, que lamentan que ao negarlles ese incremento, a dirección decidiu implantar a semipresencialidade só en Primeiro de Bacharelato, dado que en segundo afrontan as probas de acceso á universidade.

Os alumnos afectados reciben o 50 por cento das clases e o resto fan deberes sen apoio en liña "nin nada semellante". É "unha situación claramente discriminatoria e crea unha desigualdade entre o estudantado" da que se verán "as consecuencias" cando se lles pida unha media para acceder aos estudos superiores, sinalan.

PROXECTO COLESEGURO

Por outra banda, a Plataforma de Organizacións de Infancia galega impulsa en Galicia o proxecto #Coleseguro, unha iniciativa a nivel estatal --que promociona a Plataforma de Infancia de España e PoliticalWathc-- e que pretende recompilar e facer accesible á cidadanía información "fiable e contrastada" sobre as políticas públicas.

Esta iniciativa ten como obxectivo "garantir" o dereito á educación durante a pandemia da covid-19, seguir as políticas públicas adoptadas e os recursos dispoñibles para executalas e a súa tradución en medidas concretas nos colexios de toda España.

"Que a volta ás clases se leve a cabo de forma segura é dunha enorme relevancia neste curso para garantir o acceso á educación para todas as nenas e nenos nas mellores condicións, sen deixar a ninguén atrás", sinalou o director da Plataforma Infancia, Ricardo Ibarra.

Pola súa banda, o presidente da plataforma en Galicia, Xesús Vilas, afirmou que "para non xerar máis desigualdade, é fundamental que se faga todo o posible para garantir unha educación presencial e pór todas as medidas que convertan os colexios en ambientes seguros".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta