O 112 auxilia a un conductor en Narón grazas ó sistema 'ecall' no seu vehículo

A ferramenta permitiulle comunicarse con emerxencias tras quedar atrapado no coche.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/10/2020 | Actualizada ás 10:17

Comparte esta noticia

Un condutor comunicou a través do sistema de aviso ecall que tivo un accidente tras quedar durmido na madrugada deste xoves no municipio de Narón. Segundo informou o 112, este sinistro ocorreu na estrada AC-566, ao seu paso polo concello de Narón, cando pasaban uns minutos das 6,00 horas.

Tras impactar o vehículo contra unha rotonda, activouse o sistema instalado no coche, que permite a comunicación directa dos operadores do 112 Galicia co interior do habitáculo, relataron as mesmas fontes. Desta maneira, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia "puideron saber que o condutor estaba consciente, aínda que reaccionaba con dificultade", destacou o servizo de emerxencias. No entanto, foi capaz de explicar ao persoal do 112 que sufrira unha colisión despois de quedar durmido.

Con estes datos, os xestores do 112 Galicia solicitaron a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que, tras os primeiros coidados, trasladaron ao ferido ao Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol. Ademais, foron alertados axentes da Policía Local, que xa tiña coñecemento do suceso a través dalgúns veciños que foron testemuñas da colisión.

Así mesmo, interviñeron os Bombeiros de Narón, pois o condutor tiña dificultades para saír do vehículo. En canto aos restos do accidente que quedaron na vía, o persoal do 112 Galicia pasou aviso aos efectivos da Axencia Galega de Infraestruturas debido, entre outros danos, á cantidade de terra acumulada na calzada e procedente da rotonda contra a que chocou o turismo.

Imaxe de arquivo dunha estrada. GARDA CIVIL
Imaxe de arquivo dunha estrada. GARDA CIVIL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta