O festival de cinema euroárabe Amal mantense no outono santiagués para combater "a pandemia do fanatismo"

A cita reduce as súas proxeccións a cinco, pero innova coa inclusión dun apartado específico na plataforma Filmin.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 15/10/2020 | Actualizada ás 15:08

Comparte esta noticia

O festival de cinema euroárabe Amal mantense no calendario do outono santiagués a pesar da crise do coronavirus para combater un ano máis "a pandemia da ignorancia e o fanatismo" a través da "única vacina que existe: a cultura". Así se pronunciou o director do festival e presidente da Fundación Araguaney, Ghaleb Jaber Martínez, na presentación da cita celebrada este xoves en compañía do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo.

Presentación de Festival Amal 2020
Presentación de Festival Amal 2020 | Fonte: Europa Press

O festival reduce este ano o número de proxeccións, que pasan de dez a cinco, todas elas no Teatro Principal, onde estarán dispoñibles 60 butacas para cada unha das películas e documentais que se ofrecerán do 26 ao 30 de outubro.

O filme 'It must be heaven' do palestino Elia Suleiman abrirá o festival o luns 26, que continuará o martes co documental 'Gaza', no que os irlandeses Garry Keane e Andrew McConnell retratan o día a día dos cidadáns que habitan no epicentro do conflito palestino-israelí.

O mércores chegará ao Principal a cinta marroquí 'Adam', a ópera prima de Maryam Touzani, na que aborda en clave feminina a capacidade da sociedade para exercer como "escudo protector".

'The Cave', nomeada a Mellor Documental nos Oscar 2019, ocupará a noite do xoves co seu retrato do papel das mulleres médicas na guerra de Siria. O broche final a 18ª edición do festival Amal será a cargo do 'Tel Aviv on fire', unha reflexión en clave humorística do conflito palestino.

Ademais das sesións (todas elas a partir das 22,00 horas por un prezo de 3 euros) o festival compleméntase este ano coa inclusión dun apartado específico dentro da plataforma Filmin, onde poderán verse 20 das mellores películas que pasaron polo festival nos seus 18 anos de vida.

Tamén segue adiante, adaptada ás circunstancias sanitarias que obriga a pandemia, a "terceira pata" do certame, como definiu Ghaleb Jaber Martínez, á semana gastronómica de temática árabe que acolle o restaurante Caney coincidindo coa celebración de Amal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta