O Concello de Oleiros traslada a Fiscalía a dimisión da exdirectora do CEIP Luís Seoane por posible coacción

A denuncia obedece aos acontecementos posteriores ao abandono dun menor de Educación Infantil nun autobús escolar.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 15/10/2020 | Actualizada ás 17:31

Comparte esta noticia

O Concello de Oleiros deu traslado este xoves á Fiscalía dos feitos ocorridos coa ata hai unhas semanas directora do CEIP Luís Seoane, "á que a inspección de educación obrigou a dimitir do seu cargo", indica.

Protesta ante o CEIP Luís Seoane en apoio á exdirectora
Protesta ante o CEIP Luís Seoane en apoio á exdirectora | Fonte: ANPA.

A denuncia obedece aos acontecementos posteriores ao abandono dun menor de Educación Infantil durante toda a mañá no autobús que presta o servizo de transporte escolar. "Con posterioridade, a directora do centro foi obrigada a dimitir froito das ameazas da inspección", sostén o consistorio.

"Como parte da comunidade educativa e en base ás facultades que en materia educativa lle recoñecer a lei", afirma, o Concello de Oleiros explica que dá este paso co obxectivo "de que se esclarezan os feitos e se investigue pola Fiscalía a posible comisión de delitos por parte da inspección de Educación".

"As actitudes doutras épocas pasadas empregadas para obrigar a dimitir á directora do CEIP Luís Seoane non poden tolerarse, polo ben do ensino público e do normal funcionamento democrático da administración pública", sinala nun comunicado.

Tanto desde a comunidade educativa como por parte da propia exdirectora cualificouse de "forzada" a citada dimisión, o que motivou protestas, entre outros, dos pais e nais do centro en apoio á representante do colexio.

Mentres, desde a Consellería de Educación vinculouse cunha "perda de confianza" as actuacións adoptadas en relación a este caso por non comunicar no primeiro momento o sucedido ás autoridades educativas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta