O Tribunal Superior ratifica a limitación de reunións a dez persoas en Galicia por "apropiada e xustificada"

Avala as medidas en varios concellos galegos por "idóneas para a prevención e protección da saúde da poboación" e "necesarias".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 16/10/2020 | Actualizada ás 16:24

Comparte esta noticia

A Sección Terceira da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) avalou nun auto notificado este venres a restrición a dez persoas das agrupacións en toda Galicia aprobada pola Xunta o pasado 14 de outubro como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada da Covid-19.

Control no Carballiño (Ourense) con motivo das medidas pola Covid-19
Control no Carballiño (Ourense) con motivo das medidas pola Covid-19 | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press.

O TSXG, por tanto, ratificou a orde da Consellería de Sanidade que limita as reunións a dez persoas por "ser apropiada e xustificada desde o punto de vista normativo e técnico" a medida, xustifica o tribunal no auto.

No auto lembra o TSXG que "tal medida comporta restricións ás agrupacións de persoas a fin de protexer a súa saúde ante a existencia dun risco de carácter transmisible, con eficacia a partir do día seguinte da súa publicación e por un período non superior a sete días naturais, durante os cales se realizaría un seguimento e avaliación continua".

"E para amparar a letrada autonómica a súa pretensión de ratificación, invoca as normas legais sanitarias que dan cobertura ás medidas, adoptadas pola autoridade sanitaria autonómica e precedida do informe que avala a súa procedencia, o que esta sala comparte", engade na resolución o TSXG.

A Sala tamén avalou as medidas restritivas de dereitos fundamentais aprobadas polo Goberno galego o pasado 14 de outubro como consecuencia da evolución da pandemia nos concellos de Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Sanxenxo, Meis e Cambados, así como no Concello de Lugo e nas comarcas de Santiago, Allariz-Maceda, O Carballiño, Ourense, O Ribeiro, Terra de Celanova, Valdeorras e Verín.

En catro autos xustifica tamén o TSXG que as medidas que se manteñen neses concellos son "apropiadas e xustificadas desde o punto de vista normativo e técnico".

En concreto, nos autos relativos á comarca de Santiago e ao concello de Lugo indica o tribunal que "resulta que as medidas solicitadas son idóneas para a prevención e protección da saúde da poboación a que van destinadas; necesarias dada a constatación dunha situación de perigo actual e real para a saúde dos cidadáns; e proporcionadas ponderando os diferentes intereses en conflito" polo que "procede ratificalas".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta