A Consellería de Sanidade descarta polo de agora prohibir as reunións de non conviventes en toda Galicia

"O illamento perimetral serve para manter os parámetros cando a tendencia é de crecemento. Si que estamos a ver o resultado, aínda que de momento non sexa para lanzar as campás ao voo", di o conselleiro García Comesaña.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/10/2020 | Actualizada ás 16:51

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade descarta polo momento prohibir para toda Galicia as reunións de persoas que non convivan baixo o mesmo teito, medida activa en Ourense, Barbadás, O Barco, Verín e na comarca do Carballiño.

Díxoo o propio titular do departamento de Sanidade do Goberno galego, Julio García Comesaña, nunha entrevista concedida este domingo na Cadea Ser, onde defendeu as medidas adoptadas polo comité clínico para conter a pandemia que, segundo comentou, terá impacto na forma na que os galegos vivirán o próximo nadal.

"O illamento perimetral serve para manter os parámetros cando a tendencia é de crecemento. Si que estamos a ver o resultado, aínda que de momento non sexa para lanzar as campás ao voo", comentou o conselleiro sobre a situación en Ourense e no Carballiño, municipios desde hai días pechados perimetralmente, unha medida que "aínda non" está sobre a mesa estender a toda a Comunidade galega.

García Comesaña mostrouse pesimista acerca de como serán o nadal deste ano que, aínda que ve precipitado dar un diagnóstico desde a perspectiva epidemiolóxica, cre que se celebrarán con reunións pequenas, pois o contacto social continúa no foco como o "principal problema" á hora de transmitir o virus.

"O principal problema témolo na contorna de confianza", sinalou o conselleiro, que remarcou que é nos momentos de lecer cando os cidadáns "se relaxan" das medidas, o que leva a que se produzan contagios.

Así mesmo, negou que as declaracións públicas de resposnables políticos que sinalaron á poboación nova como causantes do aumento de caso pola súa falta de compromiso coas normas pautadas leve a unha estigmatización ou criminalización deste segmento da poblaicón.

Deste xeito, defendeu que as declaracións e as medidas adoptadas, como o cribado en residencias e universidades, están asentadas en "datos". "Viamos que nese perfil de mozos hai un problema e por iso decidimos os cribados nese colectivo, como os fixemos noutros", incidiu García Comesaña.

ATENCIÓN PRIMARIA

Por outra banda, o conselleiro sinalou que a razón do descenso no número de casos que requiren hospitalización nesta segunda onda da pandemia radica en que a atención primaria asumiu "o centro de gravidade" da situación.

Deste xeito, apuntou que a porcentaxe de pacientes en UCI é agora do 0,4% cando durante a primeira onda situouse no 5%, do mesmo xeito que o número de hospitalizados era do 10% e agora rolda o 5%.

Ante as denuncias dos profesioanles de atención primaria polo incremento da carga de traballo, García Comesaña lembrou que existe un plan de "reforzo" acordado en 2019 e que continúa o seu proceso de desenvolvemento e aplicación.

O obxectivo, segundo remarcou, é facer que determinados perfís profesionais de atención primaria "asuman outras tarefas" que ata agora non desempeñan para que os médicos "se centren especificamente" nos seus labores clínicos.

O conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña.. XUNTA/CONCHI PAZ / Europa Press
O conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña.. XUNTA/CONCHI PAZ / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta