A alcaldesa de Vimianzo apela á "tranquilidade" porque o foco de Covid-19 no centro médico "está controlado"

Confirma que o persoal en corentena está "cuberto", pero critica a "nula" información sobre a pandemia recibida desde Sanidade.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/10/2020 | Actualizada ás 15:19

Comparte esta noticia

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, lanzou este martes unha "mensaxe de tranquilidade" aos veciños tras o foco de COVID-19 detectado entre o persoal do centro de saúde do concello, do que asegurou que "está controlado". E é que un total de 11 dos 15 traballadores deste centro médico --o 73 por cento do total-- están en illamento tras dar positivo ao longo do fin de semana, pero tanto o Servizo Galego de Saúde (Sergas) como a rexedora aseguraron que o persoal que falta "está cuberto".

Test serolóxico de covid-19
Test serolóxico de covid-19 | Fonte: Europa Press.

En concreto, fontes sindicais aseguran que, segundo lles trasladou a xerencia da área Sanitaria da Coruña e Cee, hai 11 empregados, entre sanitarios e administrativos, que deron positivo por COVID-19. No entanto, a área Sanitaria non precisa cantos infectados hai neste centro, senón que simplemente confirma que están "illados nos seus domicilios".

Aínda que a alcaldesa de Vimianzo agradeceu que este luns a administración sanitaria "se puxo en contacto" con ela para informarlle sobre o ocorrido, sinalou que foi "a primeira vez" que o fixo desde o comezo da pandemia. Ata o momento, "a información recibida foi nula" por parte da Consellería de Sanidade, engadiu Mónica Rodríguez.

De feito, a alcaldesa confesou que se enterou pola prensa da entrada de Vimianzo na alerta de nivel 1 pola incidencia da pandemia, de acordo co mapa de concellos que a Xunta actualiza diariamente.

Isto significa que na última semana se detectaron entre 7 e 14 casos de coronavirus no concello, que aparece neste mapa coloreado de amarelo --aínda hai outras dúas alertas de maior gravidade: laranxa e vermello--.

Ademais, Rodríguez non sabe se foron precisamente os positivos no persoal do centro médico os que provocaron a elevación do risco no municipio, porque descoñece se as persoas contaxiadas "son doutro concello", xa que alí hai traballadores de fóra.

"Os veciños pídenme información e non a podo dar, porque non a teño", insistiu, á vez que lamentou que nestes momentos as entidades locais, como "administración máis próxima" aos veciños, "non poden axudar" como lles gustaría "por non ter esa información".

En calquera caso, a alcaldesa prometeu que o Concello estará "a disposición do centro de saúde, do persoal e do Sergas" ante esta situación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta