Sanidade comeza os cribados periódicos con mostras de saliva en traballadores de residencias sociosanitarias

Esta técnica posibilita a autotoma por parte dos participantes e repetirase cada 14 días.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/10/2020 | Actualizada ás 17:35

Comparte esta noticia

A Consellería de Sanidade comezou esta semana o primeiro cribado de covid-19 empregado mostras de saliva dos traballadores de centros sociosanitarios de Galicia. Esta técnica posibilita a autotoma por parte dos participantes e repetirase cada 14 días.

Comeza o cribado con mostras de saliva no persoal de centros sociosanitarios
Comeza o cribado con mostras de saliva no persoal de centros sociosanitarios | Fonte: Xunta.

A súa principal vantaxe é a sinxeleza na toma de mostras. O profesional participante, na súa casa, recolle un mililitro de saliva ao levantarse, en xaxún sen tomar auga e sen lavarse os dentes, nun tubo. Esta mostra entrégase nas áreas sanitarias e remítese ao laboratorio de Microbioloxía da área sanitaria de Vigo. A análise das mostras leva a cabo mediante a técnica de pooling, que permite agrupar varias mostras nunha única análise.

En canto ás persoas residentes, dada a imposibilidade da recollida de mostra de saliva, realizarase unha mostraxe aleatoria cada 14 días. Esta mostraxe baséase nun modelo matemático que incorpora distintos parámetros que obxectivan a incidencia da infección ocasionada pola COVID-19 en cada área sanitaria, o que permite modificar o número de mostras recollidas en función da situación epidemiolóxica.

Con este cribado sistemático nas residencias galegas conseguirase a detección de persoas asintomáticas e, con iso, "a prevención e vixilancia" da infección ocasionada pola covid-19 e a toma de decisións "adaptadas á realidade de cada centro", explicou Sanidade.

MOSTRAXES

A Consellería de Sanidade realiza cribados xornais tanto no persoal, como nas persoas residentes. A primeira mostraxe nos centros residenciais de Galicia comezou o 2 de abril e terminou o 6 de maio. Realizáronse un total de 35.259 probas PCR, 23.238 a persoas residentes e 12.021 a profesionais en 375 recursos de maiores e 96 recursos de discapacidade e 17 pisos protexidos en comunidades terapéuticas de saúde mental e asistencia ás drogodependencias.

A segunda mostraxe comezou o 22 de xuño e concluíu o 22 de xullo. Realizáronse un total de 37.629 probas PCR, 22.285 a persoas residentes e 15.344 a profesionais en 375 recursos de maiores, 96 recursos de discapacidade e 13 pisos protexidos en comunidades terapéuticas de saúde mental e asistencia ás drogodependencias.

A terceira mostraxe, a última ata que comezou o actual cribado de saliva, dirixiuse ao persoal e realizouse mediante a proba PCR con mostra nasofarínxea. Cando se detectou un profesional positivo, levou a cabo o cribado completo da residencia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta