Temas: FRASEOLOXíA

“Mexar por si”, forma galega que se corresponde coa castelá “mearse”

O lingüista Xosé Antonio Pena Romay publica unha nova entrega da sección de fraseoloxía "Verbas sisudas non queren testemuñas".

Por Xosé Antonio Pena | Compostela | 25/10/2020 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

Adentrándonos desta xeira no ámbito do escatolóxico e nun terreo que non se cingue ó estritamente fraseolóxico, mais dando pé ó artigo da vindeira entrega, no que abordaremos formas de dicir galegas equivalentes ás castelás mearse de risa ou desternillarse de risa, imos meternos hoxe cunha desas formas que, posiblemente por influencia do castelán, están xa plenamente introducidas no falar de moita xente galegofalante: referímonos ó uso pronominal do verbo mexar (isto é, *mexarse) para dar a entender que unha persoa expulsa os ouriños por dentro da propia roupa, uso este que, cando menos de momento, non se recolle como normativo.

Situación dos baños, sen auga e luz, nun colexio electoral en Touro
Situación dos baños, sen auga e luz, nun colexio electoral en Touro | Fonte: remitida

Mearse

{= Expulsar unha persoa os ouriños por dentro da propia roupa cando está vestida (ou cando leva posta, polo menos, a roupa de baixo).}

Mexar por si

Ex.: Llevaba tanto tiempo aguantándome que al final acabé meándome encima.

Levaba tanto tempo a aguantar que ó final acabei mexando por min.

● Tamén:

Mearse encima && Mearse en los pantalones

Mexar por riba (súa) && Mexar polos pantalóns # nos pantalóns

Ex.: Levaba tanto tempo a aguantar que ó final acabei mexando por riba  acabei mexando por riba miña  acabei mexando polos pantalóns acabei mexando nos pantalóns.

NOTAS:

1. Como se pode observar no exemplo, o pronome tónico reflexivo variará en función da persoa gramatical que funcione como suxeito (o cal acontece de igual xeito en castelán co pronome átono reflexivo):

Eu mexo por min. {CAST.: Yo me meo.}

Ti mexas por ti. {CAST.: te meas.}

El/Ela mexa por si. {CAST.: Él/Ella se mea.}

Nós [Nosoutros/as] mexamos por nós [nosoutros/as]. {CAST.: Nosotros/as nos meamos.}

Vós [Vosoutros/as] mexades por vós [vosoutros]. {CAST.: Vosotros/as os meáis.}

Eles/Elas mexan por si. {CAST.: Ellos/Ellas se mean.}

Así mesmo, tamén se podería botar man, para os usos da terceira persoa gramatical (tanto en singular coma en plural), do pronome suxeito correspondente (el, ela, eles ou elas), tal e como, por exemplo, se reflicte no primeiro exemplo do DRAG (“O neno mexou por el”). Non obstante, e partindo neste caso da nosa propia experiencia persoal, dános a impresión de que o máis tradicional e enxebre é o emprego do pronome reflexivo, e non do pronome de suxeito (nós, polo menos, é a única forma que temos de expresar de xeito natural o significado aquí referido).

Seguindo igualmente esta mesma pauta que acabamos de comentar, e polo que atangue á secuencia mexar por riba súa, o posesivo (como se pode observar, posesivo de xénero feminino, inda que nalgunha ocasión máis ben illada tamén temos constatado o uso do posesivo masculino) variará en función da persoa gramatical suxeito:

Eu mexo por riba miña.

Ti mexas por riba túa.

El/Ela mexa por riba súa.

Nós [Nosoutros] mexamos por riba nosa.

Vós [Vosoutros] mexades por riba vosa.

Eles/Elas mexan por riba súa.

2. Os comentarios aquí referidos para o verbo mexar son extrapolables ós verbos (e seguimos a transitar polo terreo do escatolóxico) ouriñar, cagar, defecar e evacuar, mais non así a algún outro verbo deste mesmo campo semántico, como ciscar, e non digamos xa a escagarriarse ou esfurricarse, que son unicamente pronominais e xa fornecen o significado de expeler polo ano un tipo específico de excremento (en concreto, aquel que se manifesta en forma líquida ou case líquida).

3. Polo que atangue ás secuencias lingüísticas galegas equivalentes á castelá mearse de risa, habémolas ver na próxima entrega.

4. As expresións galegas están tiradas das seguintes fontes:

- Recolleita propia da oralidade galega.

- Recolleita propia documental (artigos de prensa, artigos ou comentarios na Rede, obras escritas, folletos publicitarios, etc.).

- Real Academia Galega: Dicionario da Real Academia Galega (versión en liña).

Temas: FRASEOLOXíA
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta