Un parque eólico "ilegal" podería arrasar as paisaxes que cantaba Pondal

Ecoloxistas urxen deter a construción dun complexo eólico que se asentaría ao carón de terras protexidas.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/10/2020 | Actualizada ás 22:20

Comparte esta noticia

“Montes, non me conocedes / non me conocedes, chousas / de Balarés e As Salgueiras, / e de Gondomil, ti, costa [...]". Así cantaba o bardo galego Eduardo Pondal ás paisaxes da parroquia de Pazos, parte do seu natal Ponteceso, eixo central de boa parte da súa obra. Estas mesmas paisaxes, verdes e vastas, estarían en perigo de desaparecer para sempre por culpa dun proxecto eólico en vías de reactivación.

Estampa da costa da morte, co parque eólico de Corme G 3 ao fondo
Estampa da costa da morte, co parque eólico de Corme G 3 ao fondo | Fonte: remitida

Esa é a denuncia dun grupo de asociacións ecoloxistas galegas, entre as as que se contan a Rede Galega por un Rural Vivo, Ecoloxistas en Acción, Petón do Lobo, Cova Crea e O Ouriol dos Anllóns. Estas plataformas veñen de asinar un manifesto no que instan a deter o proxecto eólico do monte Salgueiras por ser "ilegal" e carrexar a destrución do entorno, entre o que se contan áreas de Especial Interese Paisaxístico.

A historia do proxecto de monte Salgueiras garda semellanzas con boa parte desas obras mineiras ou eólicas que van avanzando nos trámites administrativos malia algún revés. A traxectoria particular desta iniciativa arrincou no 2012, cando a Consellería de Economía e Industria da Coruña someteu a información pública o proxecto do parque, promovido por Norvento. Contaba con seis aeroxeneradores de 18 MW de potencia total.

LINDEIROS CON ÁREAS PROTEXIDAS

A problemática veu porque, "desde a parte máis ao Norte da poligonal do parque eólico ata o sur da mesma", este linda cos límites definidos para o Lugar de Interese Comunitario da Costa da Morte. Tal e como explican dende as plataforma escoloxistas,  "nesta área desemboca ademais o río Anllóns, tamén clasificado como LIC". A menos de dous quilómetros está o parque eólico de Corme G-3 en funcionamento.

Un parque eólico galego. GREENALIA
Un parque eólico galego. GREENALIA

Ante estas circunstancias, e tamén segundo os ecoloxistas, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental recoñece expresamente no texto da Declaración de Impacto ambiental a proximidade do proxecto á zona especial de conservación Costa da Morte, un espazo de especial protección de fauna, flora e paisaxe. Tamén por estas razóns o informe de 13 de setembro de 2012 da Secretaría Xeral para o Turismo concluía que o impacto do parque eólico sobre o turismo ía ser demoledor.

INPACTO VISUAL INEVITABLE

Aínda con todo, o 28 de outubro de 2016 formulábase a Declaración de impacto ambiental favorable pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental. "Curiosamente e de xeito espúreo", segundo os ecoloxistas, esta DIA non sería publicada ata catro anos máis tarde, o 27 de febreiro de 2020, que vén de impulsar de novo o proxecto.

O proxecto contou cunha tímida oposición no propio seo das institucións autonómicas. Así é que o Instituto de Estudos do Territorio concluía que "non existe lugar algún onde non se produza incidencia visual do proxecto", destacan os ecoloxista a respecto dos núcleos "de identidade" do litoral -como o Porto de Corme, Ponteceso, Laxe, O Couto e Taboído- pero tamén sobre os lugares de interese, como son a Praia de Balarés, Praia da Ermida, Miradoiro do Monte Branco ou o  do Galiñeiro.

PROXECTO "ILEGAL"

O impacto sería tal que faría imposible o establecemento de establecer medidas correctoras de apantallamento nestes lugares para a mitigación do impacto visual, unha circunstancia que para os ecoloxistas deixa "latente" a "manifesta incompatibilidade do proxecto cos valores paisaxísticos".

Con todo, e sempres segundo a versión dos asinantes, o IAE non contou coa "valentía" de pronunciarse expresamente contra o proxecto, así que tiveron que ser as plataformas bergantiñáns e do conxunto de Galicia as que se mobilizaran para pedir á Xunta e o Concello de Ponteceso que detiveran o procedemento.

Esta demanda repítena hoxe subliñando de novo que se trata dun proxecto "ilegal" porque non conta cunha  Avaliación das repercusións sobre da Rede Natura 2000, tal e como esixe o artigo 6 da Directiva 92/43/CEE do Consello do 21 de maio de 1992. Por riba, o proxecto tampouco dispón dun Informe actualizado do Instituto de Estudos do Territorio, que xa se pronunciara negativamente sobre o grao de compatibilidade paisaxística do proxecto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Moine

Viva o PP! Viva as comissons ocultas! Viva os votantes do PP" Viva a miséria! Que longe está este povo do que cantava Pondal. Era um iluso.