Feijóo sostén que Vox se "autodescualifica" ao chamar ao PP "derechita covarde" e "derechita traidora"

Considera que a moción de censura dos ultradereitistas ía encamiñada a "acabar co xefe e partido maioritario da oposición".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 23/10/2020 | Actualizada ás 16:10

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta e líder do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, sinalou este venres que "cualificacións" como as de "derechita covarde" ou "derechita traidora" --como Vox tachou os populares tras o seu 'non' á moción de censura-- son, en realidade, "autodescualificacións" para a formación que lidera Santiago Abascal.

Feijóo
Feijóo | Fonte: Xunta.

Feijóo incidiu en que este tipo de cualificacións evidencia por que o PP non puido "acompañar" a Vox na súa moción contra o Goberno de Pedro Sánchez, á vez que considerou "moi curioso" que se presente unha iniciativa deste tipo "non como alternativa" ao Executivo senón coa intención de "acabar co xefe e partido maioritario da oposición".

Neste escenario, subliñou que sería "moi sorprendente" que o PP "votase que si" cando se expón unha moción de censura "contra o PP". "Cando isto pasa non podemos estar de acordo", dixo, antes de reafirmarse en que a inciativa de Vox "ía máis contra o xefe da oposición" que contra Sánchez.

Dito isto, do mesmo xeito que na pasada xornada, cando celebrou o 'non' do PP á moción, insistiu en que "a maioría dos españois non militan nos extremos" que, baixo o seu punto de vista, representan o Goberno "socialista e populista" e Vox, respectivamente.

"A maioría dos españois identifícase cun partido que cre nas reformas, na monarquía constitucional, que cre que hai que xestionar pandemia cunha lei para iso, e que cre que o que necesita España é unión e non división e fanatismo. Esta é a nosa oferta política e o que fixemos desde a Transición nun partido, o PP, que naceu coa Constitución", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta