Os usuarios contaxiados en residencias galegas aumentan a 267 tras 10 novos positivos en Ribadavia

O total de traballadores afectados é de 162.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/10/2020 | Actualizada ás 14:14

Comparte esta noticia

Galicia rexistra este luns un total de 267 usuarios de residencias contaxiados da covid-19, unha cifra superior á do domingo tras a detección de 10 novos positivos na residencia Nosa Señora dos Anxos de Ribadavia, que xa ten 16 afectados.

Dous traballadores protexidos asómanse por unha das xanelas da residencia de maiores DomusVi de Outeiro de Rei en Lugo
Dous traballadores protexidos asómanse por unha das xanelas da residencia de maiores DomusVi de Outeiro de Rei en Lugo | Fonte: Carlos Castro - Europa Press.

Así, segundo os datos de Política Social, a residencia con máis usuarios contaxiados continúa sendo Os Gozos, de Pereiro de Aguiar, con 89 casos activos, seguida de Nosa Señora dos Milagres de Barbadás, onde este domingo se notificou un gromo con 57 usuarios afectados.

En canto á residencia de Salvaterra do Miño, continúa con 43 casos activos. A Ballesol de Oleiros contabiliza 17 e Nosa Señora dos Anxos de Ribadavia 16, mentres que na DomusVi Lugo, de Outeiro de Rei, hai aínda 13 casos activos.

A continuación está a Santa Olalla de Boqueixón, con sete casos, a de Viana do Bolo, con seis, a Val de Monterrei, con cinco, a residencia San José Hermanitas de Narón, con tres, e Nosa Señora do Viso de Lobeira, tamén con tres.

Con dous casos cada unha figuran a vivenda comunitaria Pepe Isa II de Entrimo, e a Virgen Blanca de Ourense. Finalmente, hai un caso positivo entre os usuarios dos seguintes centros: Torrente Ballester da Coruña, Padre Rubinos da Coruña, residencia de Bibres, en Cambre, e residencia Las Salinas de Ourense.

TRABALLADORES

En canto aos traballadores de centros de maiores, o parte de hoxe informa da curación de dous empregados da residencia Val de Monterrei, así como de novos positivos na DomusVi Vimianzo (1 traballador), DomusVi Ferrol (1), residencia Vitoria de Teo (1), residencia de Chandrexa de Queixa (1), DomusVi Ribadumia (2) e Saraiva Senior de Pontevedra (1).

Ademais, detectáronse tres casos no persoal da residencia Nosa Señora dos Anxos de Ribadavia e outro tres en Nosa Señora Valvanera de Cambados. Con iso, o total de traballadores afectados é de 162.

CENTROS DE DISCAPACIDADE

Pola súa banda, os centros de atención a persoas con discapacidade mantéñense con 17 usuarios con COVID-19: 16 na residencia DomusVi Bóveda e un na Ricardo Baró de Oleiros.

Ademais, hai 19 traballadores afectados nestes centros, tras incluírse dous novos empregados na residencia San Vicente de Paúl de Lugo e na Santa María de Ourense, respectivamente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta