A Xunta prevé que o proceso de axuda aos pequenos municipios coas multas se active en 15 días

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, recalcou que este convenio é "moi sinxelo" e sinalou que permitiría evitar que queden sen multa expedientes abertos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/10/2020 | Actualizada ás 17:51

Comparte esta noticia

Representantes da Xunta manterán un encontro este martes co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, para concretar o contido do convenio que o Goberno autonómico ofrece aos municipios pequenos e medianos para axudalos a tramitar as sancións por incumprir medidas anti covid.

Así o ratificou o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, en declaracións aos medios en Negreira, onde recalcou que este convenio é "moi sinxelo" e sinalou que, segundo os seus cálculos, o procedemento podería estar en marcha "nun par de semanas", o que permitiría evitar que queden sen multa expedientes abertos.

"É tanto como enviar a mensaxe de que hai que cumprir as normas que van en beneficio de todos e que non se pode pór en perigo a saúde pública", sentenciou.

A XUNTA ASUMIRÁ A XESTIÓN

Rueda lembrou que, a pesar de que se constatou  a competencia dos concellos para tramitar este tipo de sancións, o Executivo autonómico é consciente de que hai municipios que poden "non ter capacidade para xestionar algo que é novo", como as multas por infraccións de medidas fronte á covid-19.

Por iso, explicou que a Xunta accede a que se lle encomende a xestión destas multas nos casos nos que sexa preciso e ocuparase de todo o procedemento de tramitación ata notificar a sanción.

Ao encontro deste martes, segundo as fontes de Vicepresidencia , acudirán a directora xeral de Administración local, Natalia Prieto, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o da Fegamp, Alberto Varela, na Cidade da Cultura con motivo dunha reunión extraordinaria na que participaron outro tres conselleiros e membros da dirección da asociación de municipios. ANA VARELA
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o da Fegamp, Alberto Varela, na Cidade da Cultura con motivo dunha reunión extraordinaria na que participaron outro tres conselleiros e membros da dirección da asociación de municipios. ANA VARELA | Fonte: XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Non comprendo, as denuncias das policías locais non son tramitadas vía Subdelegación do Goberno é dicir o Ministerio do Interior ? ¿De qué convenio fala?