Un cribado a pacientes e profesionais do Hospital Provincial de Pontevedra detecta 27 positivos de COVID-19

A área sanitaria reforzará os controis de capacidade e acceso aos seus centros hospitalarios.

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 26/10/2020 | Actualizada ás 18:30

Comparte esta noticia

Un cribado realizado de modo preventivo pola área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés a pacientes e profesionais do Hospital Provincial da cidade do Lérez, en cuxa área de Oncoloxía se rexistrou un gromo a semana pasada, detectou 27 casos positivos de COVID-19.

Hospital Provincial de Pontevedra
Hospital Provincial de Pontevedra | Fonte: Bene Riobó - Galipedia.

Fontes da área Sanitaria detallaron que 17 das persoas contaxiadas son profesionais de diversas categorías, que representan o 1,8% do persoal do Hospital Provincial, mentres os 10 restantes son pacientes de Oncoloxía que foran ingresados no centro. Ademais, explicouse que os profesionais se atopan maioritariamente asintomáticos e os seus contaxios vinculáronse co ámbito social e familiar.

En concreto, o cribado foi realizado entre o venres e o domingo a 200 pacientes e 960 profesionais do Hospital Provincial. Así, a cifra de efectivos sometida ás probas estivo condicionada por ausencias, traslados, baixas, días libres e vacacións.

Este cribado realizouse despois de que a semana pasada se detectase un gromo na área de Oncoloxía 2 do hospital que levou un peche temporal da mesma para efectuar unha desinfección. Posteriormente, procedeuse á súa reapertura, mentres que os 10 pacientes da área que deron positivo trasladáronse ao Hospital Montecelo, onde permanecen, por ser o de referencia para os casos de coronavirus.

Fontes da área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés recalcaron que, de acordo co protocolo preventivo para a COVID-19, o Sergas mantén un "permanente contacto" cos servizos do Hospital Provincial. Ademais, coordina os traslados de pacientes positivos á área correspondente do Hospital Montecelo e supervisa a corentena dos profesionais.

REFORZO DE CONTROIS

Así mesmo, a área Sanitaria reforzará os controis de capacidade e acceso aos seus centros hospitalarios para extremar as medidas preventivas e evitar novos contaxios. Así, instou os usuarios e profesionais a cumprir estas medidas de seguridade, que lembrou que buscan preservar o "ben común" e manter unha afluencia o máis "moderada e aséptica" posible nas áreas asistenciais.

Tamén insistiu na necesidade do cumprimento do réxime de visitas establecido para pacientes hospitalizados co obxectivo de colaborar para conter a propagación da pandemia.

A este respecto, lembrou que as visitas se limitan a unha persoa para os pacientes que precisan de apoio, mentres que as persoas ingresadas por patoloxías de menor gravidade non poden recibir familiares ou achegados.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta