Por E.P. | Santiago de Compostela | 26/10/2020 | Actualizada ás 19:03
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, subliñou que unha das conclusións que se recollen na sexta memoria de seguimento das Directrices de Ordenación do Territorio, correspondente ao ano 2019, é a posta en valor das "capacidades do medio rural galego" e as medidas a este respecto do departamento autonómico.
En concreto, unha das liñas estratéxicas da acción do Goberno galego está relacionadas "coa necesidade de fortalecer os núcleos tradicionais, o litoral e valorizar o territorio".
Neste sentido, a Memoria de 2019 destaca tamén a aprobación da Lei de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbana, que ten como obxectivo prioritario facer dos elementos propios da cultura arquitectónica galega factores de revitalización e dinamización de Galicia.
"Un texto normativo, que se completou con investimentos a través de diferentes programas impulsados polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) como as vivendas de promoción pública rehabilitadas nos concellos de Betanzos, Lugo, Ourense e Cerdedo-Cotobade ou a compra de cinco edificios en estado de abandono co mesmo obxectivo a través do chamado Programa Rexurbe".
A Consellería fixo este balance tras a entrega, este luns, ao presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices, da memoria das Directrices de Ordenación do Territorio por parte da conselleira.
"Con iso dáse cumprimento ás previsións normativas contempladas no artigo 11 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia e no Decreto 176/2013, do 21 de novembro, polo que se aproba o plan de seguimento das citadas directrices", segundo informa o Parlamento galego.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.