Os datos provisionais do cribado na Universidade de Santiago revelan ata agora un 1,2% de positivos

Preto de 7.000 estudantes e traballadores participaron xa nos tests serolóxicos.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 27/10/2020 | Actualizada ás 15:08

Comparte esta noticia

Os traballos de cribado que están a realizar as tres universidades galegas para detectar a incidencia da COVID-19 entre a súa comunidade avanzan a bo ritmo. O comité clínico que asesora á Xunta puxo o acento neste colectivo nas últimas semanas a raíz do incremento de casos detectado en municipios como Santiago de Compostela, tras constatar a celebración de reunións privadas e festas en pisos, que poderían supor un risco para a expansión do virus.

Test serolóxico
Test serolóxico | Fonte: Europa Press

Tras un primeiro cribado nas residencias universitarias, que se saldou con 16 positivos confirmados na capital galega (a maioría en centros ou colexios maiores de titularidade privada), a semana pasada arrincou o proceso entre o resto da comunidade académica mediante test serolóxicos remitidos por Sanidade. En concreto, dos tests remitidos, 11.649 serán para o campus coruñés e 1.945 para o de Ferrol; na USC usaranse 16.834 test no campus de Santiago e 3.039 no de Lugo; mentres que 8.646 test irán ao campus de Vigo, 3.502 ao campus de Pontevedra e 3.967 ao campus de Ourense.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, trasladou este martes tras reunirse o comité clínico de expertos que se están detectando casos e illando contactos estreitos e que "son máis casos nas facultades" que en residencias, onde á súa vez se rexistrou algunha PCR positiva nunha segunda onda de cribado. No entanto, o titular autonómico non achegou cifras nin datos concretos respecto diso.

A Universidade de Santiago, pola súa banda, insistiu en que as probas están a demostrar unha "pouca incidencia de positivos" entre o alumnado o que, ao seu xuízo, evidencia que este sector da poboación non está a ser o responsable da extensión da pandemia.

O xerente da institución, Javier Ferreira, destacou que a implicación da comunidade académica "está a ser moi alta", con preto de 7.000 test ata o momento, e cunha participación do 70 por cento daqueles que son convocados para realizar a proba.

Os datos provisionais rexistran, de momento, menos do 1,2 por cento de casos positivos, a falta de confirmacións mediante PCR, e o operativo está a funcionar "de forma excepcional" grazas á colaboración de voluntarios e alumnos de enfermaría.

OPERATIVO EN SANTIAGO

Entre 5.000 e 6.000 persoas participaron nos tests serolóxicos e presentáronse entre o 60 e 70 por cento dos alumnos da Universidade de Santiago.

As probas están a realizarse no pavillón de deportes do Campus Sur, no caso de Santiago de Compostela, e en Veterinaria nas instalacións da universidade en Lugo. Esta circunstancia permite contar cun espazo adecuado e necesario para que os alumnos poidan esperar o resultado do test e gardar as distancias de seguridade.

Preto dun cento de voluntarios túrnanse para recibir á xente, situala e distribuíla polos 40 postos distribuídos na zona, a cargo de estudantes de 4º de Enfermaría que están a realizar as probas serolóxicas.

Ana Isabel Silveira, decana de Enfermaría, destacou a participación deste alumnado á conta de faltar á súa formación práctica durante estes días. "Sen isto non sería posible facer un cribado a 16.000 estudantes, é unha campaña importante e sen a súa axuda sería imposible", incidiu, sobre todo pola falta de presenza de persoal das autoridades sanitarias. Neste sentido, pediu que o Sergas asegure as prácticas destes alumnos ao longo do curso, "que non se vexan interrompidas" nin limitadas.

Doutra banda, sinalou que os resultados provisionais revelan unha moi pouca incidencia do coronavirus entre o alumnado e os profesionais, o que está a demostrar que "non son os estudantes" os que están diseminando os contaxios no territorio e na cidade e que podería servir para focalizar a atención noutras vías ou grupos de poboación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta