Polémica nas redes sociais sobre o ‘feísmo galego’

A publicación en GC dunha entrevista ao catedrático de Xeografía da USC Xosé Manuel Santos Solla suscita unha intensa discusión a prol e en contra das súas críticas a quen artellaron unha campaña contra algo que, di, “non existe” máis aló dun “debate culpabilizador e interesado” sobre o ‘feísmo’.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 28/10/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

“O feísmo galego non existe, é un debate culpabilizador e interesado que xorde dun medio de comunicación”. Este titular, extraído da entrevista de GC a Xosé Manuel Santos Solla –catedrático do Departamento de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela (USC)–, xerou un apaixonado e controvertido debate nas redes sociais nos últimos días.

Exemplo de Feísmo
Exemplo de Feísmo

Santos Solla viña de publicar na revista académica Landscape Research un artigo moi crítico con quen artellaron un movemento contra o que chaman “feísmo”. O traballo, asinado canda a súa colega de departamento María de los Ángeles Piñeiro Antelo, apunta a unha “estratexia de poder dirixida a impoñer os códigos culturais das elites dominantes”.

Segundo o catedrático, “o do feísmo é un debate culpabilizador e interesado que xorde dun medio [La Voz de Galicia] que se limita a criticar cuestións estéticas sen profundar no abandono do rural”. Un discurso que considera “alarmista” e ao que “se sumaron a Xunta e a Academia”, segundo estes autores.

A entrevista publicada en GC e o artigo dos profesores da USC –titulado ‘Landscape and power: the debate around ugliness in Galicia’ (‘Paisaxe e poder: o debate sobre o feísmo en Galicia’)– devolveron de novo ao debate público o problema do abandono do rural no país, ademais de cuestións etnográficas non resoltas que dividen a sociedade galega e interpretacións estéticas e pragmáticas da vida no rural.

Recompilamos aquí algunhas das achegas que cidadáns e algúns profesionais fixeron para enriquecer o debate sobre o que algúns chaman “feísmo galego” e “maltrato da paisaxe”.

“O que La Voz chama feísmo na miña aldea chámase reciclaxe; non se tira nada, todo ten unha segunda ou terceira utilidade”

EN DEFENSA DO RURAL

Algúns entenden que iso que outros interpretan como “feísmo” non é máis que unha consecuencia do abandono do rural galego e da pobreza, ademais dunha forma pragmática de aproveitar materiais.

Por exemplo, en Facebook, Jose Manuel Alvarez Agromayor argüía: “O que La Voz chama feísmo na miña aldea chámase reciclaxe; non se tira nada, todo ten unha segunda ou terceira utilidade”.

O seu argumento abría un pequeno fío de discusión no que Alberto Bóveda engadía: “O feísmo é bastante máis que a reciclaxe de elementos nas zonas rurais. Tamén é uso de solucións e ornamentos extravagantes, elementos construtivos sobredimensionados, construcións e materiais que rachan completamente coa contorna, etc. Aínda que hai moito máis feísmo nos Castros ou no Calvario que nas aldeas”.

Á conversa sumábase Jose Enrique Rodriguez, quen enriquecía o comentario de José Manuel Álvarez: “Certo. Cada quen fai na sua propiedade e cos seus cartos o que se poida axeitar. Dentro das condicións urbanísticas simples. Non esas acordadas en consenso como non poder servirse da lousa nos tellados dentro da nosa provincia. Esto pasa en distintos concellos. Lamentable”.

Para Anxo Iglesias Gómez, a campaña contra o chamado feísmo “é un desprezo polo rural promovido nunha multirredacción”. Na súa opinión, “o que si existe é o ‘guapismo’ que a eles lles gusta moito, pero ese ‘guapismo’ non se manifesta na súa arquitectura de proximidade”. “Nada novo: boinas e birretes!”, sentenciaba.

“Efectivamente, o termo ‘feísmo’ non é o mais axeitado. É moi limitativo, pois sitúa o problema no ámbito estético"

Tamén Ramón Neira Torviso saía en defensa do rural: “Efectivamente, o termo ‘feísmo’ non é o mais axeitado. É moi limitativo, pois sitúa o problema no ámbito estético. O profesor Solla fala de deterioro paisaxístico-ambiental do territorio galego ante un urbanismo caótico, principalmente no rural, e iso é certo. Como tamén é certo que iso é a consecuencia de moitos factores, entre os que os culturais non se poden esquecer, e estes veñen da ausencia de políticas nas que o rural, en xeral, non forma parte do interese da Administración”.

E ao comentario de Ramón Neira contestaba con críticas Anxo Millara Veiga: “O problema do feísmo atópase na falta de cultura dos políticos e as xentes. O problema do feísmo é tanto urbano, coa demolición de edificios históricos, como rural, deixando facer e a obra pública estragando todo o patrimonio arqueolóxico e etnográfico, o cemento e a pedra angular da corrupción do país, Galicia e España. Eu flipo cos artigos tan pobres de xentes que deberan ter mais nivel. O nivel deste artigo e patético. O que tiñan q facer estes lumbreras e moitos outros sería viaxar polo norte de Europa para espabilar”.

Namentres, para Marcos Souto Fernández “el feísmo es una lacra”. E proseguía: “Con lo bonito que es ver una casa acabada en el rural, con un cierre y entorno cuidados. Además, una casa revestida y con buenos materiales consume menos energía y es más sana para sus habitantes. Pero entre el abandono del rural, la edad de la gente, acabaremos pareciendo un pueblo de Rumanía”.

E Nuria M Nuñez E afondaba: “Feísmo son os cascos urbanos a morrer e o patrimonio cultural abandonado, ou é que alguén pensa que no rural se fixeron as cousas mal a propósito? Moita pobreza e emigración deixaron o noso rural a medio construír, ou é que un edificio a medio facer é bonito?”.

RURAL VS URBANO

Precisamente, as comparacións entre o rural e o urbano emerxeron no debate. Cunha pregunta retórica, Héctor RS introducíase así na discusión: “Entón, o ‘feísmo’ é un estilo ou canon estético definindo?”. E proseguía: “Queredes un rural coidado e ‘bonito’ esteticamente como o francés, pero iso só se consegue se vivir no rural é economicamente rendible, e sobre todo se o ordenamento da terra é produtivo. Queredes un rural de postal dende o piso na cidade esixindo aos demais que se gasten os cartos que non teñen. Chegades case un século tarde”.

"Aproveitar un somier dos de antes que eran todo arame para cerrar un prado é un delito, porque, claro, foi cousa dun pobre paisano/a de aldea"

Tamén moi crítica coa visión do mundo urbano sobre o rural foi a usuaria Laranxa Laranxiña: “Precisamente as aldeas son bonitas polo que son e representan... Está moi ben a reciclaxe, o ecoloxismo..., pero aproveitar un somier dos de antes que eran todo arame para cerrar un prado é un delito, porque, claro, foi cousa dun pobre paisano/a de aldea... Aiii, meu Deus...”, lamentábase con ironía para engadir más crítica: “Se unha casa está en ladrillo, ó que non lle guste que se ofreza a pagarlle o revestimento, que o que a ten a ladrillo polo menos xa ten algo do que quen lle dese a moitos, e así moitas cousas... Agora están moi de moda as aldeas, pero iso si, as pitas que non cacarexen, o panadeiro e conxelados que non te piten a esas horas, e as vacas que non te fagan esas cagadiñas polo chan e as ovellas tampouco, que se non cheira a aldea... Pois se non queres aldea, nada como a cidade... Que cada quen é libre de gustarlle un tipo de vida”.

Pola súa banda, Jose Alejo Gonzalez mostrábase “totalmente de acordo co artigo”, xa que “existen construcións inacabadas ou esteticamente discutibles, pero na maioría dos casos é debido a precariedade de medios dos seus donos”. E argumentaba: “Feísmo de verdade existe no medio urbano con moles de cemento, alturas esaxeradas, destrución de cascos históricos, recheos, ocupación do solo público, etc. Pero sobre iso cálase, hai moitos intereses e especulación de por medio. Aí van algúns exemplos: a Praza de Pontevedra en A Coruña, a destrución de edificios emblemáticos como o edificio Castromil en Santiago ou o Gran Teatro en Lugo, etc.”.

Para Mariano Casas Gil, “claro que existe el feísmo y no se lo ha inventado La Voz”, se ben critica que “lo que sí ha hecho es poner el foco en el rural, y ese feísmo está tan presente o más en las ciudades”.

Na mesma liña, Miguel Ángel Rey Gomez comentaba: “Anda que as cidades están moi lindas, casas caendo, fochancas nas rúas.”.

Leopoldo Rodríguez consideraba, pola súa parte, que “hay mucho feísmo urbanístico, en aldeas y ciudades, por no hablar del abandono”, e preguntaba: “¿Por qué querer disimular una realidad?”.

Mentres que Javier Buño expoñía que “as aldraxes e as desfeitas non se quedan só no medio rural, o que pasa é que cantan mais”. “Traballo en Sabón, Arteixo, e ata que non consigan construír naves e edificios ó longo dos 15 km que a separan da Coruña non pararán! E detrás? Detrás leiras”, describía.

“Normal que La Voz só vexa feísmo na aldea [...], que menos que terlle a aldea en perfecta revista para cando os señoritos saen de paseo, non?”

Juan José Paredes Mato vía, con ironía, “normal que La Voz só vexa feísmo na aldea, xa que na cidade non existe, non hai barrios marxinais con casas en ladrillo, nin edificacións ruinosas...; que menos que terlle a aldea en perfecta revista para cando os señoritos saen de paseo, non?”.

Namentres, en Twitter, Marco Gomes opinaba que “o desdén que a elite urbana deposita nas casas rurais com fachadas em azulejos contrasta com as loas feitas e firmadas pelos apreciadores estrangeiros a estas mesmas casas. é o provincianismo em estado natural: o urbanita q apenas vê o mundo com e através do mundo dele”.

PORTUGAL COMO REFERENTE?

Algúns ven na veciña Portugal un referente para comparar. Por exemplo, Jhonathan Zúñiga Meigo Do Tea instaba a “ver actualmente as freguesías e vilas dos nosos veciños do norte de Portugal e logo as nosas, e un xa sae de dúbidas”.

Desde a conta de Facebook Dryopteris Guanchica tamén se recorría á comparación nun ton moi crítico: “Que non existe o feismo din... Mamaíña, o que hai que publicar para tapar unha mala xestión fronte ao que fixeron outros países, sen ir máis lonxe, Portugal, que sen mirar os letreiros das fronteiras sabes cando estás en Gêrés e cando no Xurés soamente con mirar as aldeas: uralitas, ladrillo, somieres..., aí sabes que estás en Galicia. Agora comparade o número de turistas que van ver un e outro sitio e onde viven mellor”.

O comentario foi respondido por Rosa Rodríguez así: “Non será que non existe este tipo de arquitectura, será máis ben que non se debería culpabilizar o pobo do que fai o capitalismo e o abandono do sector agrario”.

Ao que Dryopteris Guanchica replicaba: “Pero eu non culpo o pobo do feísmo, culpo aá Administración de que non se interese en axudar, guiar e fomentar o bo facer, mais negar que existe o feísmo é un exercicio de manipulación por alguén se que fai chamar científico. Que vale, que será científico e terán artigos publicados e todo o que queiran, pero hai artigos e artigos e iso non se basea en nada, non é máis que opinión persoal e interesada dos autores. Un exemplo: o edificio famoso de Valdoviño que parece un galiñeiro para persoas”.

“Só con pasar as raias enténdese ben o do feísmo. Non é economía, e autoodio”

Belen Ventin Dietista-naturópata, pola súa parte, insistía tamén nas comparacións: “Das unha voltiña por Asturias ou nosa veciña Portugal para ver a diferenza, e é clara”.

E Luz Galilea engadía: “Só con pasar as raias enténdese ben o do feísmo. Non é economía, e autoodio”.

Outros, como Alfonso Velasco, miran cara outros lugares: “Non hai máis que viaxar un pocuco por Asturias ou polo Bierzo para ver as aldeas e comparalas coas nosas. En Galiza non hay aldeas fermosas, agás unha minoría, o resto non hai por onde collelas”.

José Antonio Piernas Pedreira, pola súa banda, comentaba: “Da gusto ir por los pueblos asturianos, vascos... Por lo que sea, aquí en el rural [gallego] se renuncia a la estética; supongo que será también por la dispersión, el aislamiento de las viviendas. Los de las ciudades somos igual de gallegos y no se nos ocurre salir en bata y en zapatillas a la calle. Es una reflexión, ¿eh? Que nadie me malinterprete”.

Poñéndose na mente dos que visitan Galicia, Marcos Gatogris achegaba este comentario: “Que llo pregunten aos turistas que quedan abraiados da desfeita urbanística e de ordenación forestal da nosa belísima terra... Non dan crédito como un lugar tan fermoso pode estar tan ultraxado e pervertido polos seus propios habitantes”.

POBREZA

Hai quen argúe que a “pobreza” explicaría o chamado feísmo. Así o ve Jarlante Blues: “Non e feísmo, senón non ter cartos para rematar a casa”.

Para Anabel Covelo, “nadie tiene su casa sin llanos porque quiere, quizás sea por necesidad; si te gastas en el terreno parte de lo que necesites para construir tu casa, ahí empieza el problema”.

“Se o meu jalpón molesta a túa vista, dáme os cartos que fago un de mármol de Carrara con incrustacións de diamantes e tellado de ouro para que mires para el”

E Rafael Prieto Vidal, con sorna, dicía: “Se o meu jalpón molesta a túa vista, dáme os cartos que fago un de mármol de Carrara con incrustacións de diamantes e tellado de ouro para que mires para el”.

Máis conciso e contundente era Gabriel Cainzos Novo: “El feísmo gallego es producto de la miseria”. Tamén Galekundo Torneo: “O feísmo galego é resultado da pobreza galega”.

E Maria Rodriguez Cota aportaba: “Os que din feísmo que dean os cartos para arranxalo; cada quen sabe as súas posibilidades”.

Poxito J Alonso, na mesma liña, argumentaba que “cada uno con su economía hace lo que puede”. Ao que Juan Barcia respondía: “Los proyectos de construcción tienen un periodo de ejecución. La licencia de obra se otorga con esa condicionalidad. Si no la puedes cumplir, no construyas nada. Igual si haces una casa más pequeña en lugar de un castillo de tres plantas te llega el dinero”.

Na conversa meteuse José Ramón Rey, quen respondeu a Juan Barcia: “Cada un fai o que pode e o que fai isto é porque o paga, non como outros que se ‘apropian indebidamente’ do que non é seu para poder ter e presumir; paréceme un pouco forte que mires tan darriba”.

Mentres, Adv Silleda consideraba que “por suposto que existe [o feísmo]; só fai falla darse unha volta polo rural (e non tan rural) para comprobalo”. “Outra cousa”, dicía, “son os motivos, onde creo que ten moito que ver a escaseza de recursos que había anos atrás, onde nada se tiraba e todo se reciclaba”.

Para Irene Sanmartin Riveira, “non se trata sempre de cartos”, aínda que “ás veces si”, xa que “a xente non ten posibilidades e fai o que pode, pero outras veces trátase de gusto”. “Pero como en todo nesta vida, para gustos, cores’, aínda que eu creo que hai moita chambonada por aí”, comentaba.

Rosa Rey consideraba que “por supuesto que existe [o feísmo]” e que “nada tiene que ver con la pobreza”. Na súa opinión, “es gastar dinero en construcciones sin planificación, sin previsión, sin pensar en el futuro”.

Mais José Antonio Piernas Pedreira preguntáballe: “¿Y tú sabes si puede terminar la casa? Igual no tienen medios para conseguirlo”, comentaba en referencia a unha imaxe na que se mostraba unha casa en ladrillo sen revestir e inacabada no rural. E concluía: “Casas más feas diseñadas por grandes arquitectos que te cobran un pastón las hay a montones”.

“¡Y tanto que existe! Que acaben las casas. Lo que pasa es que no interesa para no pagar el fin de obra. Incluso seguir con luz de obra ¡que los hay muy listos!”

Pedro Pacio Legaspi tamén afirmaba que “sí hay feismo, y parte de un desprecio por lo antiguo por considerarlo un reflejo de la pobreza o malos tiempos que se han pasado”. Para este cidadán, o chamado feísmo evidencia un “complejo de inferioridad”: “Quizás lo mejor para la autoestima sea valorar aquello que es tuyo dese siempre y que encaja perfectamente en el paisaje donde has vivido y donde seguirás viviendo”, engadía.

Inés Costas Botas, pola súa banda, optaba por acusar a algunha xente de non querer pagar obras: “¡Y tanto que existe! Que acaben las casas. Lo que pasa es que no interesa para no pagar el fin de obra. Incluso seguir con luz de obra ¡que los hay muy listos! Todo por no pagar lo que les toca”.

Un comentario que suscitou a reacción doutros. Por exemplo, RG Samu dicíalle: “Hay de todo, habrá gente que le echa morro y otra que de verdad no tiene recursos para terminar su casa y va poco a poco. Es injusto generalizar”. Mentres que Asuncion Mariño lle replicaba: “Non mires só as casas sen rematar, nas aldeas temos pobreza. Mira como marcha a xente. Hai abandono porque non hai trabllo”.

RESPONSABLES

No debate tamén apareceron as críticas aos responsables da Administración Pública. Así, José Castro expoñía: “Claro que non existe [o feísmo], o que existe é a corrupción que se fai ao permitirse por parte da Administración e así ter unha sociedade corrupta e servil”.

E Eva Alonso Sío sinalaba: “Feísmo de gobernantes que permiten desfeitas malfeitas”.

Jose González Quindimil puña como exemplo a xestión urbanística no concello de Fene: “A política e a que leva a todo iso; o concello de Fene está moi desarreglado grazas aos arquitectos que pasaron por el influídos polos construtores”.

A CUESTIÓN ARQUITECTÓNICA

Precisamente, no debate tamén apareceron voces que apuntaron a criterios arquitectónicos e construtivas para tentar aportar luz. Unha desas voces foi Juan Jose Aljan Darrosa: “En corenta anos que levo traballando de canteiro na construción de todo tipo de vivendas, por toda España e Portugal, aprendín unha cousa: hai xente que se deixa aconsellar; xeralmente iso ocorre fóra de Galicia. Aquí acostumaba facerse as casas de ladrillo e tíñanas sen revestir, pero no garaxe de moitas delas había un coche de trinta mil euros, cando revestir a casa non chegaba a cinco mil”.

Manuel Freire preguntáballe entón: “E por que hai que revestir?”. E Juan Jose Aljan Darrosa respondía: “Porque el revestimiento no es sólo estético, es aislante y proporciona protección y durabilidad a la construcción. No se debería permitir construcciones sin acabar, cierres y terrenos sin adecentar. Eso tan típico de no recebar ni pintar es la mayor gañanada posible, y se ha enquistado en Galicia especialmente”.

Noutro comentario, Manuel Freire explicaba a súa experiencia: “Persoalmente teño aberto debates nas redes por defender o ladrillo como elemento construtivo, como material ecolóxico e usado por arquitectos como Gallego Jorreto (Urb. A Pía de Maianca/Lagoa de Mera/Oleiros), e os hórreos de ladrillo (como o dunha casa miña familiar de Cibreiro de case 100 anos <*patrimonio*> con ladrillo, algo moi común na Terra Chá”.

En opinión de Oscar Covelo, iso que algúns cualifican como “feísmo” non é outra cousa que “primar la utilidad sobre la estética”. “En una constitución rústica son capaces de poner ventanas de aluminio blanco mezcladas con viejas de madera rompiendo la edad temporal de los materiales. Mezclando lo nuevo con lo viejo o antiguo”.

E para Kike Pereira, “unha cousa son proxectos de baixo custo e outra son chapuzas con aires de grandeza”. “Por desgraza”, apuntaba, “o que abunda son os segundos”. “Non hay máis que cruzar a liña, pasarse a Portugal e ver a diferenza. É un tema cultural. O que sí está guai son moitos dos recursos creativos que se ven por aí: dende o somier  coma peche de finca, ata o tubo de pvc para meter as cartas e o pan”.

Para o arquitecto Carlos Henrique Fernández Coto, impulsor da campaña en redes sociais contra o 'feísmo', o artigo dos académicos é un "falar por falar"; para o profesor da USC e experto en patrimonio Manuel Gago, ese traballo dos profesores "é ouro"

En Twitter, Eva Patiño “tiña xa claro que parte do que chaman feísmo era en realidade reciclaxe e reutilización, algo moi ecolóxico e anticapitalista que na Galiza rural sempre tiveron moi dominado”.

Nesta rede social, a principal crítica á entrevista e ao artigo académico de Santos Solla e Piñeiro Antelo viu do arquitecto Carlos Henrique Fernández Coto, xestor da conta Maltratodapaisaxe, que el mesmo define como “Cátedra de Maltrato da Paisaxe, Territorio e Patrimonio” e que ten en Facebook a súa conta parela ‘Canibalismo urbanístico e maltrato da paisaxe’. Fernández Coto, principal impulsor da campaña en redes sociais contra o chamado “feísmo galego”, expresou así a súa indignación coa visión crítica dos profesores da USC: “Dous profesores da Universidade de Santiago din que o feísmo non existe, que é un invento do xornal La Voz de Galicia para favorecer as elites e manterse nun plano superior. Manda Carallo”. E mesmo chegou escribir en resposta a outro usuario que compartirá a entrevista: “Darlle voltas ás cousas e falar por falar, non ten prezo”.

A esas duras críticas despectivas do arquitecto sumábase en resposta Nacho Capeáns, director de Onda Cero Galicia, quen se atrevía a cuestionar en conversa con Fernández Coto mesmo a capacidade intelectual e docente dos profesores da USC: “Acabo de leer la entrevista. No solo dicen que el feísmo no existe, lo definen como un acto de libertad y resistencia del rural en Galicia frente a las élites urbanas. ¡Vaya empanada mental! ¡Pobres alumnos!”.

Todo o contrario pensa Manuel Gago, director de culturagalega.gal (o portal de divulgación do Consello da Cultura Galega), profesor asociado na Facultade de Ciencias. da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, fundador de patrimoniogalego.net (a rede social do patrimonio cultural de Galicia) e membro do colectivo romanarmy.eu, de investigación da presenza do exército romano no noroeste peninsular, ademais de comisario de exposicións e participante en proxectos de difusión e investigación arqueolóxicos. Na súa opinión, o artigo académico de Santos Solla e Piñeiro Antelo, “no que se pon en contexto social e cultural o concepto ‘feísmo’, é ouro” e sinalaba a entrevista publicada en GC como “un bo punto de partida para a discusión”.

OUTROS ‘FEÍSMOS’

Houbo tamén quen apuntou a outros feísmos paisaxísticos, nomeadamente, a invasión do eucalipto en Galicia e mesmo a desfeita da lingua galega.

“O que tiña que facer o periódico impulsor desta campaña é poñer a mesma énfase en criticar o feísmo que provoca na nosa paisaxe a eucaliptización"

Por exemplo, Carlos Perez apuntaba: “O que tiña que facer o periódico impulsor desta campaña é poñer a mesma énfase en criticar o feísmo que provoca na nosa paisaxe a eucaliptización. Tamén sería interesante que puxera o mesmo empeño en denunciar o feismo aniquilador da nosa lingua que tantos séculos leva en harmonía coa paisaxe e que ten inspirado a tantos dos nosos poetas. O auténtico feísmo da nosa terra segue a ser o autoodio, e só recuperando o orgullo pola nosa marabillosa arquitectura popular, as nosas fragas, a nosa lingua e a nosa identidade teremos futuro”.

Similar visión tiña o usuario You Snow: “Moito mais feo e daniño e o eucalipto que La Voz de Galicia tanto defende”.

E Toño Mourelle aportaba: “Tanto molesta á vista unha casa de ladrillo sen pintar? Pois a min o que me fai dano á vista é ver ao pé dunha carballeira centenaria unha finca enorme de eucaliptos”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta