Agosto fai repuntar un 2% as hipotecas tras cinco meses seguidos á baixa

Os datos galegos contrastan co descenso medio do 3,4% no Estado.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/10/2020 | Actualizada ás 11:18

Comparte esta noticia

O número de hipotecas constituídas sobre vivendas inscritas nos rexistros da propiedade situouse en 790 en agosto en Galicia, o que supón un repunte do 2,1% respecto ao mesmo mes do ano anterior, segundo os datos que publica este mércores o Instituto Nacional de Estatística (INE).

Deste xeito, rompe con cinco meses de caída consecutivas interanuais en Galicia. O mes de febreiro rexistrouse o último dato positivo. Desde entón, encadeaba descensos do 17,6% en marzo, do 11% en abril, do 10% en maio, do 21,3% en xuño e do 40,2% en xullo.

De feito, este incremento contrasta co descenso medio no Estado (-3,4%). Un total de 11 autonomías rexistraron en agosto unha taxa interanual positiva no número de hipotecas sobre vivendas, con Galicia co aumento máis contido.Á cabeza están A Rioxa (+135,1%), Canarias (+55,9%) e Castela-A Mancha (+43%). Por contra, seis comunidades rexistraron descensos, especialmente Cataluña (-23,5%), Comunidade Valenciana (-23,4%) e País Vasco (-6,3%).

En comparativa co mes anterior --xullo-- a firma de hipotecas sobre vivendas tamén se recupera un 6,3% no caso galego, mentres en España obsérvase un descenso do 23,8%. En canto ao capital prestado, foi de 86,8 millóns de euros en agosto, un 11,5% máis que no mesmo mes de 2019 e un 10,1% máis que o pasado xullo.

Os datos do INE mostran que se constituíron 1.125 hipotecas sobre leiras rústicas e urbanas en Galicia, cun capital de 108,5 millóns de euros. En concreto, son 32 rústicas e 1.093 urbanas. Dentro destas últimas, ademais das 790 sobre vivendas, asináronse seis sobre solares e 297 sobre outro tipo de leiras urbanas. Ademais, figuran 1.264 hipotecas canceladas rexistralmente en agosto en Galicia, das que 740 son sobre vivendas.

Edificio de vivendas en construción. Eduardo Parra - Europa Press - Arquivo
Edificio de vivendas en construción. Eduardo Parra - Europa Press - Arquivo

Hipotecas sobre vivendas en Galicia en agosto de 2020. EPDATA
Hipotecas sobre vivendas en Galicia en agosto de 2020. EPDATA | Fonte: Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta