Bugallo: "Paréceme impresentable a pouca participación nos cribados realizados en Santiago"

Di que respectaría e "faría cumprir" un confinamento en Santiago pero apunta a unha estabilización dos casos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/10/2020 | Actualizada ás 13:56

Comparte esta noticia

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, cualfiicou de "impresentable" a pouca participación nos cribados voluntarios realizadas nalgunhas zonas da cidade, posto que á mostraxe realizada no Ensanche acudiu preto do 50 por cento dos convocados.

O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, en rolda de prensa este luns 26 de outubro. CONCELLO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA
O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, en rolda de prensa este luns 26 de outubro. CONCELLO DE SANTIAGO DE COMPOSTELA | Fonte: Europa Press

Neste sentido, apelou á responsabilidade dos veciños posto que algo máis do 1 por cento dos positivos detectados neste cribado "probablemente non o sabían e decatáronse grazas a estas probas". "É importante acudir porque podemos estar a contaxiar ás nosas familias, amigos, parellas e compañeiros, e se cadra sen sabelo".

Por outra banda, asegurou que respectará e cumprirá as instrucións do mando único para atallar a situación derivada da pandemia, aínda que iso implique un confinamento perimetral da propia capital galega. No entanto, o rexedor local apuntou que existe unha "certa estabilización" no número de casos activos por COVID-19, e que este mércores a cidade conta con 409, situándose en termos similares aos da xornada do domingo.

Bugallo remitiu, en todo caso, a unha reunión telemática que manterá este mesmo mércores co titular de Sanidade, Julio García Comesaña, xunto a outros alcaldes da área de influencia, na que escoitará "o que teña que dicir" para despois cumprir e "facer cumprir" as instrucións e medidas expostas pola administración.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta