Pemex (I): corrupción, crimes e inseguridade no novo dono de Barreras

GC inicia a publicación dunha serie de artigos de análise sobre Petróleos Mexicanos (Pemex), a empresa paraestatal que se fará co control do estaleiro vigués Hijos de J. Barreras, a maior factoría naval privada de Galicia. Os correos da axencia Stratfor desvelados por WikiLeaks mostran as eivas do novo actor clave do naval galego.

Por Alberto Quian | Vigo | 09/05/2013 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

A historia máis recente de Petróleos Mexicanos (Pemex) non convida a unha lectura positiva e optimista para o futuro do naval galego coa súa incursión no estaleiro vigués Hijos de J. Barreras. Na última década, a empresa pública paraestatal mexicana estivo zarrapicada por casos de corrupción, neglixencias, narcotráfico, secuestros, roubos, inseguridade, accidentes laborais, problemas financeiros, investimentos e alianzas fallidos, subdesenvolvemento tecnolóxico, sindicalismo oportunista... 

Torre Pemex, sede central da empresa paraestatal mexicana
Torre Pemex, sede central da empresa paraestatal mexicana | Fonte: Eneas

A recente visita a México do presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, foi determinante para vender o 51% da maior factoría naval privada de Galicia ao Estado mexicano, propietario de Pemex. Caprichos ou broma do destino, casualidades ou coincidencias, o certo é que Feijóo chegou ao país azteca coa sombra do narcotráfico pesando sobre a súa carreira política, logo de saberse que mantivo unha estreita relación co traficante arousán Marcial Dorado. Alí, en México, o presidente aplanou o camiño para que tome as rendas de Barreras a paraestatal Pemex, unha empresa tamén con denuncias de corrupción e supostos contactos coas redes do narcotráfico e o crime organizado mexicano.

Problemas de seguridade

A historia recente de Pemex está marcada pola traxedia. A paraestatal tivo nos últimos anos gravísimos problemas de seguridade que acabaron en catástrofes que afectaron a vidas humanas, a infraestruturas e ao medioambiente, e que supuxeron para a petroleira un sobrecusto millonario en indemnizacións.

Velaquí unha cronoloxía dos accidentes máis graves sufridos por Pemex na historia recente desta compañía, fundada en 1938:

Estación de servizo de Pemex
Estación de servizo de Pemex | Fonte: Coolcaesar

- O 31 de xaneiro de 2013, produciuse unha forte explosión na sede central de Pemex na capital de México que causou 37 mortos e 126 feridos. Segundo unha información recente do xornal The New York Times, citando fontes departamentais do seu país, a explosión foi causada por unha bomba, máis a versión oficial do Goberno mexicano foi que o estoupido se produciu por unha "acumulación inexplicábel de gas, posíbelmente metano". O diario neoiorquino acusou ás autoridades mexicanas de interromper a participación de axentes da Oficina de Alcohol, Tabaco, Armas de Fogo e Explosivos de Estados Unidos que foran convidados a participar nas investigacións. Segunto o diario, as autoridades mexicanas fixeron todo o posíbel por impedir a investigación e "apresurar a conclusión de que a explosión foi un accidente".

- O 18 de setembro de 2012, rexistrouse unha explosión e un incendio nunha pranta de gas de Pemex Exploración e Produción (PEP), situada a 19 quilómetros de Reynosa, na zona nororiental do Estado de Tamaulipas, e que deixou un total de 30 mortos e decenas de feridos.

- O 19 de decembro de 2010, unha fuga de combustíbel, unha explosión e un incendio nun oleoducto de Pemex na poboación de San Martín Texmelucan, no Estado de Puebla, causaron 30 mortos e 52 feridos, ademais de 5.000 evacuados e 80 casas afectadas.

- O 23 de outubro de 2007, dúas plataformas mariñas colisionaron no Golfo de México, cun saldo de 18 persoas mortas e dúas desaparecidas, e houbo unha das maiores fugas de cru dun pozo petroleiro.

- O 17 de outubro do 2006, a explosión e incendio do buque tanque 'Quetzalcóatl', ancorado na Terminal Marítima de Pajaritos, deixou 8 mortos, un desaparecido e 14 feridos.

- O 18 de novembro de 1998, o choque de dous helicópteros que transportaban persoal de Pemex ás plataformas petroleiras nas costas do Estado de Campeche, no Golfo de México, deixou un saldo de 22 mortos.

- O 22 de abril de 1992, en Guadalajara, capital do estado de Jalisco, unha fuga de gasolina dun ducto de Pemex verteuse ao subsolo e ao sistema de drenaxe, o que causou unha explosión que deixou 210 mortos.

- O 19 de novembro de 1984, na peor traxedia na historia de Pemex, a explosión dun depósito de gas en San Juanico, no Estado de México, veciño ao Distrito Federal, deixou, segundo fontes oficiais, medio milleiro de mortos, aínda que de xeito extraoficial se falou de máis de 2.000.

Nun correo ao que tivo acceso GC, intercambiado polos analistas da axencia de intelixencia global Stratfor o 14 de outubro de 2010, estes apuntaban aos graves problemas de seguridade que existen en Pemex. Así, recordaban que "a seguridade nas operacións de perforación non é un punto forte para Pemex (os accidentes son bastante comúns)".

Esta apreciación publicábase tras a explosión na plataforma 'Deepwater Horizon' da compañía British Petroleum (BP), no Golfo de México, que ocasionou un enorme derrame e unha catástrofe medioambiental colosal. Isto empurrou a Pemex primeiro a axudar a BP e logo a revisar o seu programa de exploración e produción para incorporar medidas de prevención de accidentes; dous anos máis tarde, en 2012, ambas as dúas empresas asinaban un paradoxal acordo polo que Pemex contrataba a asesoría de BP para a xestión de catástrofes e control de derrames.

Corrupción, narcotráfico e secuestros

Executivos corruptos e empregados de Pemex a soldo das redes do narcotráfico escribiron nos últimos anos os capítulos máis escuros da paraestatal mexicana, na que a opacidade informativa foi un imperativo. De feito, a axencia Reuters, que nos últimos anos fixo importantes pesquisas sobre os vínculos entre as bandas criminais e empregados de Pemex, xa denunciou en máis dunha ocasión que a empresa non permite aos seus contratistas e traballadores falar cos medios de comunicación sobre os problemas de seguridade e corrupción que afectan á paraestatal; por iso, boa parte das informacións que se veñen recollendo sobre Pemex acostuman a ser relatos de testemuñas directas protexidas polo anonimato.

"Pemex rezuma corrupción"

"Cos fondos do monopolio petroleiro estatal mexicano Pemex se pagaron nos últimos anos tratamentos de liposucción para a esposa dun alto executivo da compañía, a campaña dun candidato á Presidencia, os contratos coas empresas que enfrontan accións legais e os caprichos dos dirixentes sindicais que non están obrigados a dar conta dos seus gastos". Así comezaba o xornalista Diego Cevallos unha información publicada o 7 de maio de 2008 pola axencia Inter Press Service (IPS) titulada "Pemex rezuma corrupción".

"Pemex é unha lata de bechos Se fas algo ben, van a por ti. Se calas sobre algunha irregularidade, cho recompensan. E se participas na corrupción, saes beneficiado", recollía Cevallos dunhas declaracións dun traballador da paraestatal.

"Miles de millóns de dólares pérdense na corrupción que, segundo os observadores, está profundamente arraigada nunha administración opaca afogada pola burocracia e os intereses políticos e económicos creados", proseguía o xornalista.

O artigo advertía dunha "percepción continua da opacidade, a corrupción e a ineficiencia en Pemex, unha empresa que é o botín de políticos e contratistas por igual, dixo o analista petroleiro David Shields".

"Trátase dunha sociedad secreta que opera lonxe do escrutinio público e que xenera enormes cantidades de diñeiro que se distribúe co criterio do sistema político", continuaba o analista.

Entre os casos de corrupción destaca, por exemplo, o que protagonizou en xullo de 2007 o ex-director de Pemex, Raúl Muñoz, sancionado cunha multa de 80 millóns de dólares e prohibición de exercer cargos públicos por dez anos polo "mal uso dos fondos e a transferencia ilegal de máis de 170 millóns de dólares ao sindicato de traballadores petroleiros".

"Muñoz tamén utilizou 12.500 dólares dos fondos de Pemex para pagar dúas cirurxías de liposucción para a súa esposa", recordaba Cevallos.

"A sona da corrupción na compañía petroleira está tan profundamente arraigada, que a finais de 2007 un grupo de artistas da estafa non tivo problemas para vender a unhas 200 persoas os documentos que supostamente garantían que serían postos na nómina da empresa", denunciaba o artigo publicado en IPS.

En marzo de 2010, o empresario Ricardo Salinas Pliego, dono de Televisión Azteca e un dos homes máis poderosos de México, lanzou duras críticas contra Pemex nunha xuntanza da Sociedade de Periodistas e Editores Financeiros de Estados Unidos, na cidade de Phoenix (Arizona). O millonario mexicano acusou á paraestatal de estar “fóra de calquera supervisión”, de modo que nesa empresa “todo é escuro e así está ben (nice and dark)”.

Noutro correo electrónico da axencia de intelixencia global Stratfor recórdase que en 1994, o célebre político mexicano Andrés Manuel López Obrador se postulou para o cargo de gobernador de su Estado natal, Tabasco, e perdeu ante Roberto Madrazo, candidato do Partido Revolucionario Instirucional (PRI) nas eleccións do 2 de xullo. Segundo os analistas, "Madrazo sobrepasara os límites permitidos na campaña de 1994 e López Obrador aproveitou a ocasión para denunciar o fraude e comezar un movemento de 'resistencia civil'. Dirixiu os seus grupos de simpatizantes para bloquear a entrada de varias plataformas petrolíferas e outras instalacións de Pemex en Tabasco durante varios meses. Tamén organizou manifestacións e caravanas a Cidade de México. López Obrador non tivo éxito na reversión da elección, pero gañou a suficiente visibilidade para posicionarse como o próximo presidente nacional do Partido da Revolución Democrática (PRD) e logo como alcalde da Cidade de México". 

A conexión galega

O 24 de febreiro de 2008, Andrés Manuel López Obrador acusou ao entonces secretario de Gobernación, Juan Camilo Mouriño —o fillo do presidente do Celta de Vigo, que morreu nun estraño accidente de aviación na capital mexicana—, de tráfico de influencias benificiando empresas da súa familia con contratos outorgados por Pemex cando desempeñaba o cargo de asesor na Subsecretaría de Electricidade da Secretaría de Enerxía en 2003 e 2004.

Entre os anos 2006 e 2010 foran detectados un total de 153 casos de empresas defraudando en Pemex Exploración e Produción (PEP), a maior filial do grupo Pemex, das cales só catro era estranxeiras. E de todos eses casos, 57 foron detectados en 2010, durante a Administración do presidente Felipe Calderón.

En maio de 2008 informábase da existencia dunha rede de corrupción entre funcionarios de Petróleos Mexicanos e provedores da paraestatal que viña funcionando desde o ano 2006. Os subornos a través de compras irregulartes eran algo habitual nesta rede que afectaba a Pemex Petroquímica (PPQ). Finalmente, doce funcionarios foron sancionados pola Secretaría da Función Pública (SFP).

A finais de agosto de 2011, novos escándalos de corrupción salpicaron a Pemex. Deputados federais do PRI e PT esixiron á Procuraduría General de la República (PGR) e á Auditoria Superior da Federacion (ASF) investigar os contratos por máis de 42 millóns de dólares outorgados presuntamente de forma ilegal á empresa KBC Advanced Tecnologies, Inc por parte de Pemex-Refinación, informaba Milenio.

"O coordinador lexislativo do Partido do Traballo (PT) en San Lázaro, Pedro Vázquez González, dixo que Pemex-Refinación se converteu nunha empresa onde hai un manexo financeiro e de contratos con máis irregularidades, opacidade e presúmese maior corrupcion", explicaba o medio mexicano.

De acordo cun informe lexislativo, en decembro de 2010 xa foran "inhabilitados e sancionados 14 funcionarios de Pemex-Refinacion" con multas por valor duns 315 millóns de euros por dano patrimonial paraestatal.

En outubro de 2011 saltou un novo caso de corrupción nas altas esferas de Pemex. A Secretaria da Funcion Publica (SFP) sancionaba a catro directivos de Petréleos Mexicanos por provocar danos millonarios á paraestatal entre os anos 2008 e 2009. A prensa mexicana informaba de que SFP destituíra a María del Rocío Cárdenas Zubieta, directora xeral de PMI, Comercio Internacional SA de CV, filial de Pemex, por un período de 10 anos para traballar no Goberno Federal, e impoñíalle unha multa duns 18 millóns de euros, unha das sancións mais altas que se impuxeron en Mexico, como parte dunha investigacion que realizou esa dependencia por diversos actos de corrupcion.

Pola súa banda, Alejandro Tello, xerente comercial de Gasolinas e Compoñentes de PMI, foi multado cuns 757.000 euros; César Elías Covarrubias, encargado de despacho da Dirección Comercial de Refinados de PMI, sancionado con 5.362.000 euros; e Alberto Olimón Salgado, subdirector Comercial de Gasolinas e Compoñentes de PMI, cuns 10.765.000 euros.

Os catro directivos foran acusados de facilitar "descontos excesivos e inxustificados" na venda da gasolina denominada "cóquer" a favor das empresas Trafigura e Gunvor, líderes na compra e venda de hidrocarburos a nivel internacional. O dano ocasionado a PMI Comercio Internacional por unha serie de operaciones comerciais realizadas polos funcionarios sancionados ascendía a 1,75 millóns de dólares, mentres que o prexuízo para a paraestatal foi de 24,3 millóns de dólares.

Porén, o secretario de Enerxía, Jordy Herrera Flores, e o conselleiro profesional de Pemex, Fluvio Ruiz, defenderon á ex-directora da filial PMI, malia que Pemex Petroquímica (PPQ) fora tamén vítima desa filial, onde igualmente estivo implicada a holandes Trafigura, informaba a prensa mexicana. A recomendacion que lle fixo PMI a PPQ a mediados de 2009 foi manter o contrato coa holandesa Trafigura para a compra de naftas aos prezos que tiñan pactados, que representaban un sobrecusto do 66.4%.

A corrupción está inoculada en Pemex. Tanto é así, que hai apenas unha semana a publicación El Financiero denunciaba que "entre 2006 a 2012 Petróleos Mexicanos entregou ao sindicato de traballadores petroleiros 169,5 millóns de pesos polo pago do desfile do aniversario do Día do Traballo e os seus gastos administrativos asociados", cando este evento non se celebra desde o ano 1995.

Segundo El Financiero, "a entrega dese diñeiro forma parte dun convenio establecido no marco do contrato colectivo de traballo do sindicato petroleiro" que "non foi ha modificado" e o manexo destes recursos permanece na opacidade".

Con todo, Pemex sempre aduciu que os traballadores corruptos son unha pequena parte dos case 150.000 empregados da paraestatal petroleira, e sempre sinalou como principais culpábeis as redes do crime organizado.

Infiltracións do narcotráfico e do crime organizado

As redes do narcotráfico e o crime organizado infiltráronse en Pemex coa colaboración de empregados da empresa, desde a súa base até altos cargos da paraestatal. Os casos son múltiples. Por exemplo, no ano 2009, Eduardo Mendoza Arellano, lexislador federal que encabezaba a Comisión de Enerxía da Cámara de Deputados mexicana, asumía que a organización criminal Los Zetas actuaba como un "goberno paralelo", que "dominaba vastas extensións de canos, dende as estradas até as mesmas portas das compañías petroleiras", informaban Steve Fainaru e William Booth no xornal Washington Post en decembro daquel ano.

"Los Zetas gañan millóns de dólares por 'gravar' os oleoductos", explicaban os xornalistas, que apuntaban aos vínculos desta organización criminal con Petróleos Mexicanos: "Los Zetas traballan a miúdo con antigos empregados de Pemex, segundo Ramón Pequeño García, xefe de operacións da loita contra as drogas no Ministerio de Seguridade Pública de México". O perfil destes ex-traballadores é o de "persoas altamente cualificadas que teñen coñecementos técnicos para extraer petróleo dos oleoductos" e que se puxeron "baixo o control de Los Zetas", explicaba Pequeño.

Segundo o analista de enerxía George Baker, cuxa oficina se atopa en Houston, "a maioría da xente que sabe como se fai isto está en Pemex ou son ex-traballadores de Pemex, porque son operacións de alta tecnoloxía".

Karen Hooper, analista para América Latina de Stratfor, comentaba nun correo ao que tamén tivo acceso este xornal, enviado ao seu departamento o 3 de agosto de 2009, que "a relación entre funcionarios de Pemex e Los Zetas plantexa preocupacións de seguridade e protección, tanto para excutivos de Pemex como para os das compañías petroleiras estranxeiras que podan facer tratos con Pemex".

Secuestros

En novembro de 2010, Mark Stevenson asinaba unha noticia de Associated Press (AP) na que se informaba de que os cárteles da droga estaban interrompendo servizos básicos en México. O artigo arrincaba co caso de cinco traballadores de Pemex que de camiño a unha planta de gas do Goberno preto da fronteira con Texas desapareceran seis meses atrás. O xornalista lembraba que "homes enmascarados, ao parecer membros dun cártel da droga que opera alí, xa advertiran aos empregados de Petróleos Mexicanos que xa non se lles permitía entrar naquela área".

"Cos asasinatos e desaparicións para facer valer a súa autoridade, os cárteles da droga de México empezan a interferir nos petos do país a través das actividades cotiáns do Goberno, mantendo aos traballadores fóra do seu territorio e interrompendo algúns dos servizos máis básicos. [...] están bloqueando as entregas de gasolina, cheques de pensión, asistencia agrícola e outros servizos para os mexicanos.", explicábase. Porén, e malia as denuncias cidadás, as autoridades federais dicían que "estes eran incidentes aillados" e negaban que existira calquera zona do país onde o Goberno non poidese operar.

A axencia Reuters daba a mediados de 2011 unha cifra de 17 vítimas en Pemex a mans das bandas criminais, desde 2005.

A desaparición dos traballadores de Pemex e a intervención dos narcotraficantes na paraestatal mexicana tamén suscitaron máis comentarios en Stratfor. O 10 de setembro de 2010, noutro correo dos analistas desta axencia de intelixencia ao que accedeu GC, comentábase que "Pemex nunca vería a luz do día coa corrupción tan firmemente arraigada en todos os niveis da empresa".

Ao tempo que o Goberno negaba as evidencias, a propia empresa paraestatal Pemex recoñecía que os secuestros eran un "problema xeral", en palabras do seu por entón director xeral, Juan Suárez Coppel. Stevenson recordaba que "un total de 10 empregados ou subcontratistas de Pemex foron secuestrados en catro Estados mexicanos en 2010, en comparación con só un en 2009, dous en 2008 e tres en 2007".

Con todo, Pemex non estivo pola labor de informar claramente sobre as súas estimacións das perdas que lle viñeron causando estes ataques, segundo o artigo publicado por AP. "A empresa non puido dicir que sucedeu coas vítimas, ou a cantidade da producción que se perdera a causa dos problemas de seguridade nos Estados fronteirizos como Tamaulipas e Nuevo León, e dos Estados da costa do Golfo Veracruz e Tabasco", relatábase no artigo.

Así, a empresa limitouse a responder ambigüamente que houbo "unha serie de situacións na parte norte de Tamaulipas e en Nuevo León que foron difíciles de manexar", en palabras escritas a AP por parte de Carlos Morales Gil, director de Pemex Exploración e Produción.

En abril de 2010 produciuse outro secuestro que tivo moito impacto na opinión pública mexicana, o do executivo Néstor Martínez, que xestionaba unha unidade de produción de enerxía en Tabasco. Martínez foi posto en liberade un mes despois, supostamente tras pagarse o seu rescate. O seu non foi algo anecdótico, todo o contrario. Reuters destacaba que unha "onda de secuestros de executivos de Pemex sacudiu a industria petroleira nun país onde os cárteles da droga e as bandas do crime organizado están cada vez máis asustando aos inversores estranxeiros". De feito, Martínez era o cuarto executivo de Pemex secuestrado polas bandas criminais entre marzo e abril de 2010, informaba Reuters.

En novembro de 2010, contabilizáronse até dez secuestros de traballadores de Pemex nos estados de Tabasco e Chiapas durante ese ano, dos declarados oficialmente. Porén, os informes non oficiais din que houbo en realidade cando menos 30 persoas secuestradas só en Chiapas e "decenas máis "ameazadas regularmente", informaba a prensa mexicana.

Roubos millonarios

En xuño de 2011, a axencia Reuters informaba de que Pemex iniciara unha demanda contra once empresas de Estados Unidos pola compra de até 300 millóns de euros en combustíbel roubado por bandas de narcotraficantes e de contrabando na fronteira México-Estados Unidos. A paraestatal mexicana aducía que estas empresas conspiraran con criminais mexicanos para falsificar documentos e o contrabando de gas natural condensado roubado a Pemex. "Os xacementos da cunca de Burgos de Pemex que se extenden polos Estados mexicanos norteños de Tamaulipas, Nuevo León e Coahuila foron ameazados polos poderosos cárteles da droga que se ramifican con novos manexos ilegais en busca de maiores ingresos".

Finalmente, un puñado de executivos estadounidenses se declararon culpábeis. Entre estes, Tim Brink, ex-director xeral de Continental Fuels, confesou na súa declaración final que foran funcionarios de Pemex quen lle deran os contactos cos grupos criminais que roubaban á empresa paraestatal.

Un informe propio de Pemex recoñecía que só entre xaneiro e abril de 2011 foran roubados 969.120 barrís de combustíbel, valorados nuns 190 millóns de euros, a través de conexións ilegais aos canos da compañía, informaba o xornal mexicano El Universal. Pemex xa era obxectivo prioritario das redes criminais. O volume roubado nos catro primeiros meses de 2011 era un 49% maior respecto ao substraído durante o mesmo período en 2010 (estimado en 648.257 barrís) e era máis dos 800.000 barrís diarios de gasolina que se consumen en México.

Un mes despois, en xullo de 2011, Reuters destapaba que cando menos 97 traballadores e sete contratistas de Pemex estaban vinculados aos roubos de combustíbel en México dende o ano 2000.

"Os traballadores corruptos colaboran coas bandas do crime, algúns con vínculos con poderosos cárteles do narcotráfico, para roubar camións cisterna ou sifóns de gas, petróleo cru e combustíbel de aviación", explicaba a axencia de noticias, que salientaba os "coñecementos de enxeñería e do funcionamento interior da empresa" destas persoas.

O impacto destes roubos na economía mexicana é brutal, xa que "arredor dun terzo dos orzamentos do Goberno depende dos ingresos do petróleo", sinalaba Reuters, que estimaba nuns 600 millóns de dólares as perdas que viña acumulando a empresa desde 2010 polos roubos. Só en 2008, Pemex deixou de ingresar cerca de 715 millóns de dólares polas subtraccións e en 2009, outros 350 millóns. En 2010, a empresa perdeu uns 190 millóns de euros polos roubos, segundo datos aportados polo seu director xeral.

"Estes roubos son ademais un golpe simbólico e financeiro para o Goberno mexicano. Os impostos pagados por conta de Pemex son o 40 por cento do orzamento federal", incidían pola súa banda os xornalistas de The Washington Post.

Reuters tamén sinalaba a xustiza mexicana como un problema para acabar coa impunidade dos criminais, xa que "a debilidade do sistema xudicial de México fai difícil a súa condena". Así, a axencia subliñaba que desde o ano 2000 até agosto de 2010 houbera 2.600 denuncias por roubos e só se ditaran 15 sentencias.

O número de tomas clandestinas de ductos cuadruplicouse desde 2004, cando se detectaron 102, deica o ano 2009, cando foron localizadas 462, segundo os datos aportados por Pemex. A empresa estimou que lle roubaran 8.432 barrís de produtos derivados do petróleo por día no ano 2009. Porén, nun correo electrónico do 16 de marzo de 2011 entre analistas da axencia de intelixencia estadounidense Stratfor, co asunto "Cartels and oil", a súa experta Sylvia Longmire consideraba que os datos feitos públicos por Pemex da súa perda de combustíbel polos roubos eran "cifras rebaixadas".

Un ex-contratista de Pemex recoñeceu a Reuters que sempre existiu unha alianza entre traballadores da paraestatal e os criminais, e que a rede de corrupción afectou estes últimos anos "a grupos en todos os niveis" e isto, segundo o confidente de Reuters, foi sempre vox populi en Pemex. Hai que salientar o medo a represalias que teñen quen denuncian estes casos de corrupción en Pemex e roubos do crime organizado, e polo tanto prefiren gardar o anonimato.

A empresa fixo fortes investimentos extras nos últimos anos para asegurar o seu negocio, instalando sistemas de control sofisticados, incluíndo a vixilancia por satélite, cámaras e medidores de circuítos pechados, cos que conseguira reducir os roubos de combustibel nun 66% entre 2008 e 2010. Ao tempo, os criminais foron tamén perfeccionado os seus sistemas, técnicas e redes de contactos, aumentando nun 55% as tomas de ductos ilegais durante ese tempo. E así, os roubos volveron dispararse en 2011 polos vínculos entre traballadores da empresa e o crime organizado.

Juan José Suárez, director xeral de Pemex entre 2009 e 2012, xa estimaba hai catro anos que a empresa tería que gastar "centos de millóns de dólares" nos seguintes tres anos para defender os seus ductos.   

Como o crime organizado se apoderou de Pemex

A xornalista mexicana Ana Lilia Perez é a autora do libro 'O cártel negro: como o crime organizado se apoderou de Pemex', publicado a finais de 2011 por Grijalbo. Neste libro, froito dunha investigación, destápase a infiltración das redes do narcotráfico en Pemex mediante unha complexa trama de complicidades e corruptelas nas que "participaron directivos, contratistas e traballadores da paraestatal para permitir o roubo, o saqueo e a impunidade". Desde o ano 2012, a xornalista vive no exilio, ameazada presuntamente por funcionarios públicos.

Velaquí algúns extractos do libro:

(...) Como encargado da operacion de pozos, a funcion de Rogelio Gutiérrez consistia en recibir e rexistrar en bitácoras as descargas dos autotanques, e bombear o condensado da estacion de recoleccion aos ductos. Ese traballo facíao desde 1996, ano no que ingresou a traballar en Pemex asignado, precisamente, ao Activo de Producion Burgos Reynosa, de maneira que coñecía a area e os procedementos como a palma da súa man.

Aquela noite parecia que todo funcionaba segundo os procedementos cotiáns, pero en realidade non era así. No peto dereito do seu pantalon, o empregado de Pemex traia unha pistola Raven Arms modelo P25, numero de serie 467829, cromada con cachas de madeira, catro cartuchos útiles no cargador e un na recámara. Estaba armado no seu horario de traballo porque o que aquela noite facía Rogelio era abastecer un dos cargamentos de condensado que ilegalmente se sacaban de Burgos para traficarse a Estados Unidos, onde os contrabandistas o vendían a grandes e prestixiosas compañias petroleiras, como a alemá BASF e Murphy, de orixe estadunidense, as cales empregaban o hidrocarburo para a formulacion de gasolinas. Polo menos desde 2006, na Union Americana moitos consumidores adquiriron gasolinas formuladas con materia prima roubada a Pemex e traficada coa proteccion dos cárteles da droga mexicanos.

-------------------------------

Coa implicacion de empregados de Pemex e dos seus contratistas iniciouse a subtracción de condensado da Cunca de Burgos, que a partir de 2006 comezou a introducirse de contrabando en territorio estadunidense, a mans de redes internacionais nas que o Servizo de Inmigracion e Control de Aduanas de Estados Unidos (ICE, polas súas siglas en ingles) descubriu a participacion da dupla que formaban o cartel do Golfo e Los Zetas, chamada A Compañía.

A Compañía era dirixida por un 'triunvirato' integrado por Antonio Ezequiel Cardenas Guillén, alias Tony Tormenta, irmán de Osiel Cardenas; Jorge Eduardo Costela Sanchez, o Coss, o Dobre X ou Dous Equis, e Heriberto Lazcano Lazcano, o Lazca, o Verdugo, o Licenciado, ou Zeta-3, quen asumio o liderado dos Zetas trala caída do seu xefe fundador Arturo Guzmán Decena, Zeta-1, ocorrida en novembro de 2002 en Matamoros.

A incursion do cártel no negocio dos hidrocarburos sumoulle considerábeis ingresos para soster a custosa estrutura coa que entón controlaba o trafico de drogas desde Colombia e Venezuela cara a México e Estados Unidos. Administraban redes de narcomenudeo, xiros negros, tráfico de indocumentados e piratería en case a metade do país, todos os estados do Golfo, máis Nuevo León, San Luis Potosí, Chiapas, parte de Michoacán e o Distrito Federal. E mesmo mais aló do territorio mexicano, nos departamentos fronteirizos de Guatemala no sur, e no norte, en estados como Texas e cidades importantes como Atlanta, Georgia, a que o Departamento de Xustiza de Estados Unidos identificou como epicentro das operacións do cartel no veciño pais do norte.

(...) Desde 2006, cando se rexistraron os primeiros roubos e as importacións ilegais a Estados Unidos, o Goberno mexicano tivo coñecemento diso. Os directivos de Pemex foron informados do que sucedía no activo de produción mais importante do noreste mexicano. A área de intelixencia da paraestatal notificoullo, pero eles calaron e decidiron clasificar cada un dos roubos como informacion reservada por 12 anos.

(...) Sóubose que non se trataba de roubos illados nin cometidos pola delincuencia común, senón que os cárteles da droga estaban detrás do negocio, un feito que xa se puxera de manifesto nas primeiras confrontacións entre elementos da Xerencia de Servizos de Seguridade Física e membros do cártel do Golfo.

(...) Nas poucas ocasións que chegaron a instancias xudiciais os fretadores argumentaron que os seus choferes actuaban de forma individual; con todo, eses condutores tiñan o apoio xuridico dun avogado que os poñía na rúa en menos de 24 horas. Mesmo, ás veces, o defensor que representaba ao chofer era o mesmo que defendía aos empregados de Pemex detidos in fraganti na subtraccion ilicita. Un deses casos foi precisamente o do cargamento que preto da medianoite do 2 de agosto de 2006 saíu nunha pipa de Intertransports.

(...) Nunha espiral de corrupcion e complicidades, os roubos fixéronse cada día máis frecuentes e a calquera hora do día. En só uns meses o mercado esixía tanto produto, que non era suficiente o persoal de Pemex que abstecía os pedidos. Entón comezaron a asaltar as pipas propiedade da paraestatal e as que esta dependencia contrataba con terceiros, para levar o condensado dos tanques de almacenamento ás terminais e centros de produción.

Desde a chamada fronteira chico ou ribereña, en Tamaulipas, e ata Piedras Negras, en Coahuila, ao longo de camiños e fendas de toda a Cunca de Burgos, os comandos armados, vestidos de negro e enpuzados, permanecian apostados, prestos ao atraco, en canto o falcón lles notiticaba que o cargamento ía en camiño. Os informantes usaban a rede de comunicacion interna de Pemex, que funciona via radio trunking, un sistema móbil para un grupo privado de usuarios, quen poden compartir datos de forma automática e organizada. Para conectarse a esa rede interna non basta con ter os aparellos, senón que se requiren os codigos de chamada; os comandos criminais obtivéronos.

(...) A partir de que comezaron as primeiras subtraccións e envíos a Estados Unidos, o contrabando de condensado creceu rapidamente. Alcanzou tal nivel, que xa en 2007, segundo cifras internas de Pemex, o 40% de todo o hidrocarburo que producía a Cunca de Burgos se substraía ilegalmente e se vendia no mercado negro, basicamente en territorio estadounidense.

-------------------------------

En 2007, o primeiro ano de goberno de Felipe Calderon, as tomas clandestinas montadas dentro da rede de ductos de Pemex alcanzaron o maior número rexistrado na historia da petroleira: 323, case unha diaria. Catro anos despois, a cifra multiplicábase a máis de tres tomas en promedio por día. Para 2011, só por esa vía o roubo de hidrocarburos incrementárase un 300% e quizá moito máis, se consideramos que só se contabilizan as tomas detectadas, mentres que hai outras que non están situadas e ordénanse permanentemente sen posibilidade de ser clausuradas.

Así, o volume dos hidrocarburos substraídos a traves desas tomas clandestinas alcanzou niveis exorbitantes. Os números oficiais que Pemex deu a coñecer en setembro de 2011 revelan que os ordenadores de ductos (que inclúen oleoductos, poliductos e gasoductos) substraen en promedio 20.000 barrís de hidrocarburos diariamente. A cifra equivale a mais de 3 millóns de litros de petrolíferos. Dito doutro xeito, o promedio da subtraccion clandestina ascende a 200 pipas diarias. Trátase particularmente de gasolina, aínda que o roubo de petroleo cru —documentado neste libro— tamén vai ao alza; son perdas patrimoniais que a Comision de Xustiza da Cámara de Deputados calculou en 1.300 millóns de pesos mensuais.

-------------------------------

Tamén en setembro de 2011, o Pleno da Cámara de Deputados aprobou endurecer as penas polo roubo ou aporoveitamento de petróleo cru, hidrocarburos refinados, procesados e os seus derivados de ductos, equipos ou instalacións de Pemex. Asi, mediante reformas ao Codigo Penal, a Lei Federal Contra a Delincuencia Organizada e o Código Federal de Procedementos Penais, estableceuse como delincuencia organizada o roubo a ductos de Pemex.

Considerado xa como delito grave, aprobáronse sancións de 8 a 12 anos de prisiín e de mil a 12 mil dias de salario mínimo de multa a quen substraia hidrocarburos propiedade de Pemex, e penas de dous anos de cárcere e ata 500 días de salario mínimo de multa a quen posúa ou resgarde de xeito ilícito calquera hidrocarburo. A penalidade aumenta a 18 anos cando os implicados sexan traballadores ou funcionarios da paraestatal. 

(...) En realidade, hai moito que o problema pasou ás autoridades. En México ata as leis mais avanzadas son letra morta cando o que impera é a corrupcion. Considérese, por exemplo, a efectividade real da PGR nos casos abertos por roubo ou subtraccion de hidrocarburos: só catro de cada cen derivaron en auto de formal prisión.

-------------------------------

Para desfalcar a Pemex co seu ouro negro, non sempre é necesario mancharse as mans, polo menos non literalmente. Asi o demostrou a directora xeral de PMI Comercio Internacional —a subsidiaria encargada das vendas de Pemex en Estados Unidos, Europa e Asia—, Rocío Cárdenas Zubieta, unha das funcionarias de maior nivel na paraestatal. Xunto con outros tres funcionarios (o subdirector comercial de Gasolinas e Compoñentes, Alberto Olimon Salgado; o xerente comercial de Gasolinas e Compoñentes, Alejandro Tello Winniczuk; e o encargado de despacho da Dirección Comercial de Refinados, César Elías Covarrubias Prieto), Cárdenas Zubieta operaba unha rede de corrupción que mediante "descontos" lle vendian gasolina cóquer mexicana a prezo de ganga ás transnacionais Trafigura e Gunvor, as compañías de compra-venda de hidrocarburos máis grandes do mundo.

A SFP auditou as vendas que lle fixo a representante da paraestatal ás dúas compañías de xaneiro de 2008 a xaneiro de 2009, e encontrou que eses "descontos excesivos e inxustificados" causaron un dano patrimonial de 1.75 millóns de dólares e un prexuízo de 23.3 millóns de dólares, calculado o primeiro a partir da diferenza entre os ingresos pola venda e os custos do combustíbel; e o segundo a partir do monto que Pemex recibise de vender a gasolina a un prezo adecuado.

Polo demais, en outubro de 2011 Cárdenas Zubieta foi inhabilitada para servir na administración pública por 10 anos e obrigada a pagar unha multa de 284 millóns de pesos.

Esa mesma funcionaria participou noutras cuestionadas operacións dos directivos de Pemex, como a operación de compra de accións de Repsol para aumentar a participacion de Pemex, aínda que non foi a responsábel de aprobala. Operación que en 2011 puxo en xaque ao director xeral de Pemex, Juan José Suárez Coppel, ao evidenciarse o nivel de discrecionalidade en operacións de tal magnitude.

As demoledoras cifras que Pemex fixo públicas en setembro de 2011 puxeron en evidencia, oficialmente, que o combate ao roubo de combustíbeis é outra batalla perdida por Felipe Calderón, unha batalla onde o que esta en xogo é unha grande parte do gasto público do país, 40% do PIB nacional.

As reformas á lei apenas se estan aprobando, cando hai tempo que a mafia se fusionou ao quefacer cotián da industria petroleira. 

Entre a accion gobernamental e a situación real hai unha distancia de anos luz. Os lexisladores endurecen penas sen esclarecer primeiro a maraña de complicidades que fixeron do cártel negro unha criatura invencíbel, que emerxeu desde as entrañas mesmas da industria do petróleo.

Ata hai uns anos, Pemex era o escaparate do nacionalismo mexicano, da dedicacion dos seus traballadores, do amor á camiseta. A ambición polo diñeiro fácil degradouno todo. Hoxe son negocios, só negocios. Baixo a lóxica do business, practicamente desde o máis alto funcionario ata o máis modesto dos obreiros esta disposto a venderlle a súa alma ao diaño, ou de xeito mais simple e directa: a aliñarse co maná.

Actualmente, as operacións ilegais en Pemex alcanzan tal nivel, que custa traballo saber en cantos dos negocios que oficialmente fai a paraestatal están presentes as operacións financeiras do crime organizado.

Con estes antecedentes, o normal é preguntarse que futuro lle espera ao estaleiro vigués Hijos de J. Barreras en mans dunha empresa de dubidosa reputación e intervida, por un lado, polos intereses partidistas, sindicalistas e nacionalistas mexicanos, e polo outro, polo crime organizado; dúas empresas, dous símbolos de dous países con distintos trazos pero condenadas a fusionarse para a súa salvación.

----------------------------

Nos próximos días GC continuará con esta serie de artigos de análise en profundidade sobre Pemex. Para poder seguir levando a cabo a labor de investigación que semana tras semana realiza o equipo de GC, e que supón un alto custo económico e de tempo, este xornal apela aos seus lectores para que contribúan economicamente a manter esta fiestra de xornalismo 100% libre en Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 10 comentarios

2 Breoghain

Suspeitosamente vão encaixando todas as peças. Os ex-amigos. Os banhos de sol na lanchinha e a neve não se sabe onde...e quem tem linha direta com certas instâncias de poder e os seus "logros" para "Galicia, Galicia y Galicia". Ainda não temos democracia. Seguimos no franquismo corruto, fascista, machista, anti-galego e anti-social.

1 Lazaro Cardenas

Bo artigo. Compre dicir, no campo dos secuestros, q o perbonal de Pemex, orgulloso do seu status social, gosta de acudir aos eventos sociais facendo gala da súa condicion (con cohes de empresa rotulados con "pemex", roupa de empresa,...), o que os converte en branco facil de redes de extorsión e secuestro