A Xunta aprobará unha Lei de Saúde para xestionar a pandemia que recolle sancións de 600.000 euros

A norma chega tras as críticas ao Goberno central por decretar novos estados de alarma. Recolle sancións para as persoas que non leven máscaras, incumpran illamentos ou a celebren festas. Tamén fará obrigatoria a vacina se así o esixen as autoridades europeas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/10/2020 | Actualizada ás 14:56

Comparte esta noticia

A Xunta modificará a Lei de Saúde Pública de Galicia para xestionar a pandemia cunha "maior seguridade xurídica" e incluirá medidas preventivas, limitativas e sancións para facer fronte á expansión da covid-19.

Así o anunciou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu Goberno, na que volveu a criticar que o Goberno central optase por medidas excepcionais como o estado de alarma en lugar de adaptar a Lei Orgánica de Saúde Pública á pandemia.

"Imos modificar esta lei para que polo menos en Galicia podamos xestionar a pandemia con maior seguridade e con independencia do que decida o Goberno do estado de alarma ou de excepción", manifestou o máximo mandatario autonómico, que considerou necesario dotarse dunha "lei adecuada" e "non estar nun sobresalto permanente" como o que, na súa opinión, viviuse durante os últimos meses.

Entre outras cuestións, o texto, que será presentado na Cámara galega polo Grupo Parlamentario Popular en forma de proposición de lei, incluirá medidas preventivas, así como as limitacións que se poden adoptar para facer fronte ao virus, como aquelas restricións que afecten a dereitos fundamentais.

A futura norma contemplará 30 supostos obxecto de sanción, unhas multas que serán de 100 euros no caso de non facer uso da máscara. Ademais, outras condutas como o incumprimento dos illamentos ou a celebración de festas poderán ser sancionadas con entre 3.000 e 600.000 euros, segundo a gravidade da acción.

"Entendemos que con este texto as autoridades si teñen competencias para obrigar a cuarentenarse e a illarse no caso de contacto estreito", explicou Feijóo, que precisou que se as autoridades europeas consideran que a vacina é "obrigatoria" o texto tamén permitiría a "obrigatoriedade para vacinar".

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, preside a reunión do Consello da Xunta. DAVID CABEZÓN @ XUNTA
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, preside a reunión do Consello da Xunta. DAVID CABEZÓN @ XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

Ditadura por pandemia o Goberno de Pedro Sánchez está a abrir o melón da excepción democrática decretando estados de alarma por 6 meses, abre a porta a que outros máis cucos coma Feijoo ou mesmo o Goberno da Generalitat fagan leis draconianas contra os cidadáns (non contra o virus) así Cantalunya sanciona cun mínimo de 3.000 € e aquí a maioría absoluta do PP podería chegar aos 600.000 € / De qué se trata de pandemia ou de expropiación forzosa ? Repito cando xogamos coa "excepcionalidade" podemos chegar a situacións que nada teñen que ver coa realidade e sí coa demonización de conductas contarias ao Goberno de turno ! Hoxe Feijoo dixo que o "botellón" é xa historia en Galicia ! Fumar na rúa tampouco é posible ! E igual dentro de pouco VIVIR será UN DELITO !