Feijóo critica que o investimento do Estado en Galicia sexa o "máis baixo en 15 anos"

A "única luz" que observa son as partidas para a AP-9, aínda que censura que o Goberno non negocie o convenio para atallar o "negoción" de Audasa.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 29/10/2020 | Actualizada ás 16:14

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, considera unha "moi mala noticia" o investimento previsto para Galicia nos Orzamentos Xerais do Estado, con 832 millóns --un 11% menos que as últimas contas aprobadas en 2018--, a cifra "máis baixa dos últimos 15 anos".

Feijóo
Feijóo | Fonte: Europa Press

Feijóo dixo observar "máis escuros que claros, máis sombras que luces" nestes orzamentos, "os peores no que a investimento se refire desde hai 15 anos". "Lamentablemente son así de claros, porque os números non son opinables", queixouse.

Carga contra que Galicia sexa unha das cinco autonomías nas que baixan as contas, mentres soben nas outras 12. "Se somos unha das cinco comunidades que baixamos, estamos a financiar dalgún modo ás 12 que soben", opina.

Ademais, Galicia "tamén baixa no investimento rexionalizable ao 6,6%, cando se estaba no 9% no ano 2018. "Isto é así de incuestionable", apostila.

"A ÚNICA LUZ" NA AP-9

Con todo, a "única luz" que observa o titular da Administración galega nas contas estatais de 2021 son as partidas destinadas á rebaixa de peaxes na AP-9.

Valora que "por fin" se vai eliminar a peaxe entre Vigo e Redondela, ademais de que se vai aceptar a proposta de "deixar sen efecto o incremento acumulado durante os 20 anos próximos como consecuencia das obras da ponte de Rande e a circunvalación de Santiago".

Así mesmo, "por fin parece que se vai facer unha viaxe gratis na volta en viaxes de ida e volta e pago telemático no mesmo día". "Veremos a partir de que mes", dixo.

Lembra que a eliminación da peaxe entre Vigo e Redondela xa foi comprometida polo exministro popular de Fomento Íñigo de la Serna en 2018, pero "probablemente entre en vigor tres anos máis tarde". "Pero saudámolo aínda con atraso", agregou.

Con todo, ve "sorprendente" que o Goberno adopte estas medidas sen revisar o convenio coa concesionaria para atallar o "negoción" que supón para Audasa e o "desastre para o peto" dos galegos.

E é que subliña que estas bonificacións de peaxes van supor "un incremento de tráfico para Audasa, e o lóxico é que haxa un equilibrio e ese incremento de tráfico teña un tope". "Se non, o único que estamos é metendo máis diñeiro de beneficio ás contas de Audasa e prexudicando o diñeiro do PGE, que é o diñeiro de todos os españois e tamén dos galegos", finalizou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta