Sanidade avanza a Pontevedra, Vigo, Lugo e Ferrol a posibilidade de implantar "algunha restrición adicional"

O conselleiro destaca que, a pesar das medidas implantadas, "a tendencia segue en crecemento" nas áreas máis preocupantes

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 29/10/2020 | Actualizada ás 16:55

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, celebrou este xoves a súa segunda rolda de reunións cos rexedores dos concellos que máis preocupan na evolución da pandemia, aos que avanzou a posibilidade de que, tendo en conta os datos, implantar este venres "algunha restrición adicional".

Control en Ourense
Control en Ourense | Fonte: Rosa Veiga - Europa Press.

En concreto, tras os encontros mantidos o mércores cos alcaldes de Santiago, Teo e Ames, o xoves foi a quenda dos rexedores de Pontevedra, Lugo, Ferrol e Vigo.

Así, durante as reunións coa alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e co rexedor de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o conselleiro trasladoulles a súa "preocupación" pola "evolución dos positivos" e polo "incremento que se mantén" nestas urbes.

García Comesaña lembrou que se tomou a decisión de non implantar medidas novas ao comezo de semana dado que "estaba recentemente posta a medida de restrición da mobilidade nocturna" e facía só unha semana da limitación de reunións a cinco persoas en toda Galicia.

"Pero, o certo é que, a pesar desas medidas, vemos que a tendencia segue en crecemento, co cal, anticipamos a posibilidade de que na reunión do comité clínico de mañá se propoña algún tipo de restrición adicional nestes dous municipios".

Julio García Comesaña explicou que a situación "complexa" de todos estes concellos analizarase "ao detalle" na reunión deste venres, e determinaranse as medidas necesarias tendo en conta que se trata dun "momento especialmente delicado", máis esta mesma fin de semana coa festividade de Todos os Santos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta