A pandemia e a corentena teñen maior impacto psicolóxico nos mozos, malia que a Covid-19 se ceba cos maiores

Unha enquisa de investigadores de Vigo, Santiago de Compostela, A Coruña e Sevilla revela que o estrés, a ansiedade ou a depresión foron síntomas máis comúns entre os novos durante o primeiro confinamento.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 31/10/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Como enfrontan as diferentes xeracións a pandemia de Covid-19? A partir desta pregunta, un grupo de investigadores de Vigo, Santiago de Compostela, A Coruña e Sevilla realizaron un estudo sobre as consecuencias sobre a saúde mental da epidemia en distintas xeracións. A súa conclusión é que “a poboación española máis nova se viu máis afectada polas consecuencias psicolóxicas da pandemia”, algo que sorprende se temos en conta que a nova enfermidade se está cebando cos anciáns: a media de idade dos falecidos con coronavirus en España, até setembro pasado, era de 86 anos, segundo o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón.

Repartición de máscaras á porta dun supermercado
Repartición de máscaras á porta dun supermercado | Fonte: Europa Press - Arquivo.

Para avaliar o impacto psicolóxico da pandemia na poboación, os investigadores realizaron unha enquisa en liña entre o 23 e o 28 de marzo de 2020, durante a corentena en España na primeira onda da Covid-19. En total, responderon 3.524 persoas maiores de idade que foron divididas en cinco grupos de idade.

O estado mental estudouse a través do DASS-21 (escalas de depresión, ansiedade e estrés) e o impacto psicolóxico, a través do IES-R (escala revisada do impacto do evento estresante, que é unha medida de autoinforme de 22 ítems que evalúa a angustia subxectiva causada por eventos traumáticos). A maioría dos participantes eran de Andalucía (39,60 %), Galicia (21,40 %) e Madrid (13,60%).

Os resultados do estudo indican que os participantes entre 18 e 33 anos se mostraban “máis hiperactivados, evitativos, ansiosos, deprimidos e tensos”. E entre os 26 e 33 anos presentaban “máis intrusión” (eventos mentais, como pensamentos e sensacións, que interrompen de maneira recorrente o curso do pensamento).

Os autores tamén destacan que os participantes entre 18 e 25 anos “durmían peor, presentaban máis claustrofobia e somatizacións, maiores dificultades para manter rutinas”, mentres que os maiores presentaban “mellores respostas en xeral”.

E observaron que as persoas entre 18 e 45 anos presentaban máis estrés e ansiedade que os maiores de 60 anos.

En canto á depresión, os de 18 a 25 anos puntuaron significativamente máis alto que todos os grupos maiores de 45 anos.

Os investigadores tamén salientan que as mulleres e as persoas con menor nivel educativo tiñan “máis probabilidades de ter peores respostas psicolóxicas á pandemia”.

CAUSAS

Os autores do traballo apuntan á “falta de rutinas diarias durante a corentena” como unha posible causa dese maior impacto psicolóxico da pandemia nos mozos, xa que “a maioría son estudantes” e “a súa actividade principal interrompeuse repentinamente e houbo moita incerteza ao redor dela”. Porén, indican, “manter rutinas organizadas pode considerarse un factor preventivo para todas as idades”.

Ademais, o feito de que moitos estudantes que residían fóra se mudasen ás casas dos seus pais durante a corentena “tamén pode ser un factor de tensión”, explican. Neste sentido, engaden, os mozos puideron sufrir máis a redución do contacto social: “Aínda que esta xeración está moi afeita ás redes sociais, a diminución das interaccións cara a cara pode resultarlles estresante”, comentan.

Con todo, destacan que “a soidade non era unha preocupación só deste grupo, senón que tamén o era no grupo de máis de 60 anos”.

As respostas dos enquisados esclareceron tamén que “a idade non estaba relacionada coa preocupación polo colapso do sistema de saúde e a preocupación por familiares e amigos”.

En canto aos hábitos tóxicos, destacan que “o aumento dos niveis de tabaquismo foi preditivo dunha peor saúde mental nos grupos máis novos e maiores, mentres que os aumentos no consumo de alcol foron preditivos dun maior impacto psicolóxico nos de 34 a 45 anos”.

En definitiva, “este estudo indica que a poboación española máis nova se viu máis afectada polas consecuencias psicolóxicas da pandemia”, conclúen.

Os resultados do estudo veñen de ser publicados na revista académica Psicothema, asinados por Ania Justo Alonso (Instituto Médico Imaya, Vigo), Ana García Dantas (clínica de atención integral á saúde mental Samu Wellness, Sevilla), Ana Isabel González Vázquez (Departamento de Psiquiatría do Hospital Universitario da Coruña), Milagrosa Sánchez Martín (Universidad Loyola, Sevilla) e Lucía del Río Casanova (Departamento de Psiquiatría, Radioloxía, Saúde Pública, Enfermaría e Medicina da Universidade de Santiago de Compostela).

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta