Así será Galicia en 2033: un de cada tres habitantes será pensionista

Actualmente, os beneficiarios pensionistas representan o 25,1% da poboación galega, fronte ao 18,8% do conxunto do Estado. No ano 2033 só haberá 1,32 persoas activas por cada pensionista en Galicia e 1,95 no conxunto do Estado.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 02/11/2020 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Galicia envellece a tal ritmo que é probable que en 50 anos, de non cambiar a tendencia, haberá máis pensionistas que traballadores en activo. Unha situación que levaría ao colapso da economía galega. De feito, a poboación de 65 anos e máis, como potencial beneficiaria do sistema de pensións, incrementou de forma moi importante o seu peso relativo tanto no conxunto do Estado como, de forma máis intensa, en Galicia, na que pasou de representar o 13,7% no ano 1982 ao 25,2% actual. Esta porcentaxe incrementarase ata o 31,4% no ano 2033, segundo as proxeccións demográficas.

A vellez comeza a ser habitual nas zonas rurais, onde vive a xente maior e marcha a máis nova
A vellez comeza a ser habitual nas zonas rurais, onde vive a xente maior e marcha a máis nova | Fonte: Matteo Bertolino

Son as estimacións que fai o economista Miguel Angel Vázquez Taín da análise realizada das implicacións que sobre o sistema público de pensións, na súa modalidade contributiva da Seguridade Social (SS), ten a estrutura e a evolución da demografía. Esta evolución demográfica ten o seu reflexo na relación entre afiliados e pensionistas que, segundo apunta, “presenta de forma clara unha correlación inversa entre o grao de envellecemento da poboación e o cociente de afiliados por pensionista”. De feito, Galicia destaca neste sentido, xunto con Asturias e Castela e León, polo elevado do envellecemento da súa poboación conxuntamente cun baixo cociente de afiliados por pensionista.

Así, analizando a evolución comparativa entre a poboación activa e o número de beneficiarios do sistema de pensións, Vázquez Taín constata que a diminución da poboación activa en relación cos pensionistas é unha constante nos últimos 40 anos e seguirao sendo no futuro próximo. Unha situación que dará lugar a que no ano 2033 só existan 1,32 persoas activas por cada pensionista en Galicia e 1,95 no conxunto do Estado.

SITUACIÓN PEOR QUE NO ESTADO

A situación é tan delicada que provocou un importante incremento do gasto en pensións en termos de PIB, pasando do 10,5% en Galicia e do 7,4% no conxunto do Estado no ano 1992, ao 13,9% e ao 10,9%, respectivamente, na actualidade.

Dúas persoas maiores e xubiladas tentan disfrutar da súa vellez
Dúas persoas maiores e xubiladas tentan disfrutar da súa vellez | Fonte: canarias7

“Este incremento do gasto non foi acompañado nos últimos anos por un aumento equivalente dos ingresos, en parte debido aos efectos da crise económica de finais da década dos anos dous mil que provocou desequilibrios importantes nos saldos financeiros do sistema de pensións contributivo da SS”, indica Vázquez Taín nun artigo publicado na Revista Galega de Economía sen ter aínda en conta os efectos que terá a actual crise provocada pola Covid, aínda máis profunda que a de 2008.

“Aínda que o sistema opera baixo o sistema de caixa única, e por tanto debe ser analizado tendo en conta o conxunto, se territorializamos os ingresos e os gastos este desequilibrio é proporcionalmente maior en Galicia, onde os ingresos por cotizacións tan só cobren o 64% do custo das pensións contributivas”, engade.

Este incremento da poboación de 65 anos e máis tivo un reflexo similar no número de beneficiarios e de pensións do sistema contributivo da SS. Actualmente, os beneficiarios pensionistas representan o 25,1% da poboación galega, fronte ao 18,8% do conxunto do Estado.

Á súa vez, segundo o economista, a taxa de dependencia, que pon en relación a poboación de 65 anos e máis (como posibles beneficiarios do sistema) coa poboación en idade de traballar entre 16 e 64 anos (como posibles financiadores), pasou en Galicia do 22,2% no ano 1982 ao 40,5% na actualidade, anticipando as proxeccións que chegará ata o 54% no ano 2033.

ENVELLECEMENTO

E por que se dá esta situación en Galicia?. Para Vázquez Taín a evolución dos últimos anos está directamente relacionada co envellecemento da poboación que, xunto coa taxa de beneficio, marcou o ritmo de crecemento do gasto en pensións.

Por iso, na proxección para os próximos anos, os factores determinantes do gasto en pensións seguen sendo os factores demográficos, polo menos no horizonte do medio prazo do ano 2033. “En todo caso, e a pesar de que resulta moi complicado actuar sobre estes factores demográficos, medidas como o atraso na idade de xubilación poden compensar parcialmente os seus efectos sobre o gasto”, apunta.

Por iso, a actual situación, alerta, fai necesario a obrigatoriedade de afrontar as reformas que garantan a viabilidade do sistema de pensións “nas condicións que lle permitan cumprir adecuadamente a súa misión de substitución de rendas, eliminando riscos de pobreza, para a poboación de maior idade”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Rui do

Eso es insostenible. Todo el mundo lo sabe, pero nadie quiere enfrentar el problema. Y mientras tanto sus señorias a seguir forrándose y prejubilándose.