Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/11/2020 | Actualizada ás 12:10
"Nove meses despois, a xustiza galega non está preparada para o teletraballo". Así se expresa Alternativas na Xustiza nun comunicado de prensa este martes, no que sinalan que o coronavirus puxo de relevo as "debilidades" do sistema de xustiza pola "falta de investimento na modernización e no teletraballo" por parte da Xunta.
Nesta liña, UGT tamén avanzou que decidiu levar ante a Inspección de Traballo á Consellería de Xustiza porque, segundo asegurou, a empresa encargada de realizar as avaliacións de risco non ten en conta "o traballo do persoal especialmente sensible" e nos seus informes "obvia calquera mención a se as medidas de prevención, adaptación e protección son as adecuadas en cada caso".
Segundo UGT-Xustiza, o servizo de prevención de riscos da Xunta e a empresa externa "dan por cumpridas as medidas adoptadas nos centros de traballo sen sequera comprobar se é certa que ditas medidas son adoptadas de maneira efectiva". Pola súa banda, Alternativas na Xustiza denuncia que esta administración foi "a única que non puido teletraballar de forma efectiva" durante o confinamento, "ao non contar cos medios técnicos necesarios" e "non dispor de regulación propia".
INCREMENTAR AS MEDIDAS
Ante estas circunstancias, a demanda de AXG-CUT oriéntase a aproveitar un momento "histórico" como o actual para "implementar as medidas necesarias que favorezan o teletraballo real básico". Neste sentido, advertiu de que un dos principais inconvenientes é a falta de dixitalización.
Con ese obxectivo, debería constituírse un servizo común de dixitalización e videoconferencias no sete grandes cidades, coas seguintes funcións: dixitalización de expedientes necesarios nos xulgados; dixitalización da documentación en soporte papel de nova incorporación; implantación dun fax único; e realización de videoconferencias pasivas --as solicitadas por outros órganos--.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.